Recoñécese así o labor destes galegos como ponte cultural cara ás literaturas catalá e vasca.
O Galeusca volve a celebrarse en Galicia, entre Lugo e Mondoñedo, procurando, como en edicións pasadas abrir pontes entre as literaturas, galega, vasca e catalá. O eixo de discusión centrarase en varias conferencias sobre a orixe, o pasado e o presente do imaxinario nas tres literaturas, pero o programa complétase con varias actividades de encontro cos escritores presentes e inclúe un acto de homenaxe a Basilio Losada e Xosé Estévez.
Basilio Losada foi catedrático de Literatura Galaico-Portuguesa na Universidade de Barcelona, e actuou como mediador en numerosas ocasións entre os escritores galegos e cataláns; conta cun amplo traballo como crítico e tradutor. Xosé Estévez foi o creador da Cátedra de Estudos Galegos da Universidade de Deusto, na que tamén foi profesor de Historia, e ten destacado polas súas publicacións e actividades e favorecendo as relacións entre Galicia e o Euskadi.
Nesta edición do Galeusca interveñen por parte catalá, entre outros, o xornalista valenciano Alfons Llorenç, os mallorquíns Caterina Valriu e Jaume Miró, a poeta catalá Montserrat Rodés e o narrador Francesc Serés.