Nomeadamente no acceso ao mercado laboral, no reagrupamento de familias e no desenvolvemento de prácticas contra a discriminación.
Políticas de Integración da Emigración 2006
Portugal é o segundo mellor país dunha lista de 28 estados (25 da UE -todos agás Romanía e Bulgaria-, Canadá, Noruega e Suíza) en políticas de integración de emigrantes, nomeadamente no acceso ao mercado laboral, no reagrupamento de familias e no desenvolvemento de prácticas contra a discriminación. Estas conclusións forman parte do estudo Políticas de Integración da Emigración 2006, realizado por un consorcio de 25 organización europeas que lideran o British Council e o Migration Policy Group, en Bruxelas, publicado esta semana.
No máis alto da clasificación sitúase Suecia, cunha media de 88 puntos de 100 posíbeis, en seis categorías de análise: acceso ao mercado laboral, reagrupamento familiar, residencia de longa duración, participación política, adquisición da nacionalidade e políticas contra a discriminación.
Portugal sitúase no segundo lugar, con 79 puntos, seguido de Bélxica (69), Holanda (68) e Finlandia e Canadá (67). Na análise global, os 25 estados da Unión Europea están a facer apenas a metade do que poderían facer para integrar dun mellor xeito aos emigrantes, segundo afirman os investigadores do consorcio.
O estudo está baseado nas políticas levadas a cabo para integrar os 21 millóns de emigrantes cos que contan os países analizados, e que inclúen 140 indicadores tal como: dereitos dos emigrantes no centro de traballo, oportunidades para ficaren de xeito permanente no país de destino, leis contra o racismo e a discriminación ou as posibilidades de reunificación das familias.
Nos últimos lugares da táboa sitúanse Eslovaquia e Grecia (40 puntos de 100), Austria e Chipre (39 puntos) e Letonia (30 puntos). O Estado Español ocupa o décimo lugar con 61 puntos.