Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Na semana en que o mundo mira a China

Un técnico da censura chinesa analiza os métodos de control do seu país na rede

De xeito paralelo ao XVII Congreso do Partido Comunista chinés, saen á luz dous informes que detallan o funcionamento da censura chinesa na internet: un do propio seo censor e outro dos EUA.

Redacción - 13:00 16/10/2007
Campaña contra a censura chinesa de Reporteiros Sen Fronteiras

Campaña contra a censura chinesa de Reporteiros Sen Fronteiras

Dun lado está o estudo publicado por Reporteiros Sen Fronteiras titulado Journey to the heart of Internet censorship, -un documento feito por un técnico chinés anónimo-, e do outro unha análise dun grupo de investigadores dos EUA, que fala dos filtros da censura do país asiático.

A análise dende dentro do sistema
O informe froito dunha colaboración entre Reporteiros Sen Fronteiras e Chinese Human Rights Defenders (CHRD), foi feito dende o propio seo censor e controlador do goberno chinés. Redactado por un anónimo experto na rede chinesa -que se fai chamar "Mr. Tao" por medo ás posíbeis represalias gobernamentais-, o documento explica como son controladas a cotío as páxinas e os blogues chineses, alén de estruturar os organismos que se encargan de censurar, como por exemplo o Departamento de Propaganda Administrativa e a Oficina de Información e Opinión Pública chinesa.

A censura na rede chinesa, segundo este informe, non comezou até 2005, mais antes xa se controlaban as principais cabeceiras en papel e demais medios de comunicación para que non desen determinadas noticias. O informe de "Mr. Tao" tamén recolle métodos para burlar os órganos censores, dando, por exemplo, unha listaxe de palabras clave que lle serven ao goberno para atopar os contados que non quere ver na rede, como por exemplo os relacionados coa matanza de Tiananmen, que son bloqueados sistematicamente.

A chinesa, unha censura única
Segundo o informe norteamericano, o goberno chinés filtra as palabras que considera sospeitosas a través dun programa que filtra as frases, o ConceptDoppler. Segundo este estudo, a censura chinesa é única no mundo porque non bloquea determinadas páxinas ou direccións, senón as páxinas ou correos electrónicos que conteñen certas palabras.

Mais este filtro non sempre funciona ben, e cando se intensifica o tráfico na rede, as cousas sáenlles mal aos censores chineses, polo menos o 28% das veces, segundo os investigadores norteamericanos.

O goberno da censura
170 millóns de internautas hai na China, e o 19% teñen o seu propio blogue, no que rexeitaron aplicar a autocensura, loitando por non coartar a súa liberdade de expresión. Mais os métodos de control do goberno van alén da censura en web ou en correos electrónicos. Tamén fan un control editorial estrito das principais páxinas de información e introducen a propaganda gobernamental nos medios de grandes empresas como Yahoo, China ou Baidu.


5/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: