Segundo a Federación de Bancos de Alimentos hai 8 millóns de persoas a pasar fame no Estado.
O número de persoas que pasan fame diariamente no Estado está a aumentar,e pode ter sido engrosado polos chamados "novos pobres", persoas con emprego que receben un salario que non acostuma chegar para cubrir as necesidades da súa familia.
Estatisticamente a pobreza no Estado Español chega a uns 8 millóns de persoas, aquelas que viven con ingresos inferiores ao 50% da renda per cápita estatal. Esta taxa supera a media da Unión Europea, mais sitúase en valores similares aos de Italia, Irlanda e Reino Unido e só é superada por Grecia e Portugal.
Da fame á marxinación: os produtos da sociedade de consumo
Só algunhas persoas destes 8 millóns teñen fame ou necesidade extrema, o que segundo o Banco de Alimentos Estatal, é consecuencia directa da marxinación, que á súa vez é un subproduto a sociedade de consumo, competitiva, onde os individuos que non producen -e, daquela, que non consumen-, son excluídos.
O dereito á Alimentación
No Día Mundial da Alimentación, a FAO, a través TeleFood, escolleu o lema "Dereito á alimentación" e comezaron unha campaña na que se fala da fame como un feito non illado, senón froito de varios "obstáculos sociais".
O doutor brasileiro Josué de Castro (1908-1973) -Presidente do Consello da FAO de 1951 a 1955-, escribiu unha vez que a fame é exclusión: "cando unha persoa chega ao punto de non ter nada que comer, é porque se lle negou todo o demais, e esta é unha forma moderna de exilio".
Na base da emigración está a fame e maila pobreza extrema, que no mundo chega case ao 90% dos seus habitantes.
A realización do dereito á alimentación que promulga a FAO; axudaría a cumprir o compromiso contraído na Cimeira Mundial sobre a Alimentación de 1996 de reducir á metade o número de persoas subnutridas para o año 2015 e a acadar o primeiro dos Obxectivos de Desenvolvemento do Milenio, consistente en reducir á metade a proporción de persoas afectadas pola pobreza extrema e a fame.