O vicepresidente tamén anunciou o inicio de contactos coas forzas galegas para demandar conxuntamente as competencias de Tráfico.
O Vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, anunciou este sábado en Coles que ten previsto remitirlle unha carta ao presidente español, José Luís Rodríguez Zapatero, a vindeira semana para reclamarlle a apertura dunha negociación sobre o traspaso de competencias. Quintana esixiralle a Zapatero que faga efectivas as sete transferencias pactadas en febreiro co daquela ministro de Administración Pública, Jordi Sevilla. A decisión de Vicepresidencia prodúcese logo de que a pasada semana Zapatero anunciara que se vai encargar personalmente dos traspasos competenciais.
Quintana mostrouse convencido de que o Estado “non vai regalar nada” por iso apelou á unidade das forzas galegas para gañar cotas de autogoberno. Así, anunciou que nos vindeiros días vaise poñer en contacto con todos os grupos parlamentarios ara consensuar unha peticion de traspaso de Tráfico a Galiza. O vicepresidente cre que se hai unanimidade o goberno estatal non vai poder negarse a ceder esta competencia.