Terá como fin a ordenación do exercicio da profesión dentro do marco legal, así como a súa representación e a defensa destes.
O Consello de Goberno aprobou este xoves o proxecto de Lei de creación do Colexio Profesional de Detectives Privados de Galiza, a petición da Asociación Galega de Detectives Privados (AGDP).
Este terá como fins esenciais a ordenación do exercicio da profesión dentro do marco legal correspondente, a súa representación e a defensa e promoción dos intereses profesionais dos colexiados.
Coa creación deste organismo, búscase garantir que o exercicio da profesión estea axustado ás normas e regras que aseguren tanto a eficacia como as posíbeis responsabilidades, e polo tanto garántese a súa última finalidade, que é a protección dos dereitos e intereses dos cidadáns.
O estar colexiado será requisito para exercer a profesión cando o establecemento en que se exerza radique en Galiza. O Colexio contará cuns estatutos nun período dun ano, unha vez aprobada a lei.
O texto aprobado polo Consello destaca que a actividade profesional do detective privado se caracteriza pola importancia crecente desta profesión, así como pola súa especial relevancia pública.