Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
O BNG cualifica a actitude de "centralista"

Haberá que esperar á volta das xerais para saber do futuro das transferencias a Galiza

Hai máis de medio ano que o goberno español se comprometera a un conxunto de traspasos. Agora, Rodríguez Zapatero recoñece no Senado que non se producirán.

Redacción - 09:00 11/10/2007

Se en febreiro, e con Jordi Sevilla no Ministerio de Administracións Públicas, na axenda quedaba fixada a promesa de que a curto prazo se produciría a transferencia a Galiza dun significativo paquete de competencias, a situación é ben distinta nesta altura do ano. Malia a presencia agora dunha galega, Elena Salgado, á fronte deste ministerio, o proceso non só non se acelerou senón que mesmo parece que se ten paralizado indefinidamente.

En resposta a unha pregunta do senador galego Francisco Jorquera, o presidente do goberno español argumentou que non se concederán os traspasos por considerar o executivo estatal que se trata de "materias atribuídas ao Estado" nas que o seu goberno só estaría disposto a abrir "espazos de cooperación". Ao caixón marchan xa que logo a posibilidade de que a Xunta incorpore Salvamento Marítimo, Inspección de Traballo ou a investigación oceanográfica e a loita contra contaminación no mar, entre outros temas.
O representante do BNG apúxolle a Zapatero "tics centralistas" por esta negativa e reprochoulle que non atenda aos compromisos adquiridos no seu momento polo daquela ministro. Recordoulle Jorquera que existe un acordo "unánime" do Parlamento, onde os tres grupos parlamentarios coincidiron en apoiar as reclamacións competenciais.

Quintana subliña que as transferencias "non rachan España"
Na opinión do vicepresidente da Xunta, se de cumprir a lei se trata, no caso do autogoberno Galiza require da asunción de determinadas competencias que "despois de máis de 20 anos, seguen nesa lei orgánica e non están transferidas". "Para Madrid, en todo o que signifique desfacerse de competencias, parece que nunca é o momento", laiouse Anxo Quintana.

Sobre o asunto tamén falou este mércores o conselleiro de Presidencia, Xosé Luís Méndez Romeu, quen opinou que "dificilmente se vai producir calquera acordo no ámbito da transferencia de competencias cando faltan apenas dous meses e medio para que se remate a lexislatura e se disolvan as Cortes".


2/5 (4 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: