Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Paro nas comarcas pontevedresas

Nova xornada de folga na construción tras bloquearse a negociación salarial

Ambas as dúas partes terán unha nova xuntanza este xoves, aínda que son "pesimistas". Porén houbo avances noutras áreas. Os catro traballadores detidos este martes xa están ceibos.

Axencias - 10:45 10/10/2007
A marcha estivo acompañada en todo momento dunha forte presenza policial

A marcha estivo acompañada en todo momento dunha forte presenza policial

Os traballadores do sector da construción das comarcas pontevedresas volven ir á folga este mércores, logo de se bloquearen as negociacións do convenio coa patronal no incremento salarial.

Malia os avances noutras demandas, despois de once horas de reunión para intentar poñer fin ao conflito, as diferenzas na suba salarial impediron chegar a un acordo para desconvocar as mobilizacións. Os sindicatos -CIG, CCOO e UXT- volveranse reunir coa patronal este xoves ás 18.00 horas para retomar as negociacións e intentar achegar posturas sobre as ofertas de ambos os dous en materia de incremento salarial.

Os representantes dos traballadores propoñen unha suba mensual de 45 euros para os peóns, de 50 euros para os axudantes, de 55 euros para os oficiais de segunda, de 65 euros para os oficiais de primeira e de 70 euros para os capataces. A contraoferta da patronal é dun punto e medio por debaixo no caso dos oficiais de primeira e dun punto inferior no caso dos peóns.

Pesimismo por ambas partes

Malia que tanto os sindicatos coma os empresarios recoñecen que ambas as dúas ofertas son "próximas", as dúas partes mostráronse "pesimistas" ao termo da reunión deste martes, con respecto á posibilidade de chegar a un acordo no próximo encontro. Se non o hai, a folga será indefinida a partir do 16 de outubro.

Os representantes dos sindicatos e da patronal conseguiron, non obstante, achegar posturas en cuestións sociais e noutras como as axudas de custos, o complemento de incapacidade temporal ou a redución de xornada na reunión deste martes, mentres que os acordos en materia social (porcentaxe de fixos, permisos, xubilación parcial e ascensos) xa se pecharon na xuntanza do luns.

Liberados os catro detidos

Nestes días de mobilización, os traballadores percorreron as rúas do centro de Vigo cortando o tráfico. Ademais, produciuse a queima dalgúns colectores, razón argumentada pola policía para deter catro operarios ao final das protestas deste martes. Á última hora da xornada ficaron ceibes.


5/5 (1 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: