Os Orzamentos do Estado presentados polo goberno español para 2008 prevén aumentar o gasto militar até os 18.926 millóns de euros.
Desde o 1 de xaneiro de 2008 e cada un dos días do ano, o goberno español investirá 51,85 millóns de euros en gasto militar. Cando acabe o ano, cada cidadán investiría 422 euros en investigación militar, novo armamento e no mantemento das forzas militares, e o total do gasto militar en todo o ano sería de 18.926,83 millóns de euros.
Quen dá estas cifras é o Centro de Estudos pola Paz Josep Maria Delàs, da ONG Justícia i Pau, que analizou o gasto militar español para o próximo ano.
Segundo o goberno español, que hai uns días presentou os Orzamentos Xerais do Estado para 2008, Defensa seguirá sendo o Ministerio con maior partida orzamentaria, con 8.489,81 millóns de euros, un 5,5% máis. Aínda que a esta cifra deberían sumarse os investimentos militares doutros actores do executivo.
Deste xeito e en total, o gasto militar do Estado español para o próximo ano ascende a 18.926,83 millóns de euros. Este diñeiro repártese entre o Ministerio de Defensa e organismos autónomos deste, o Centro Nacional de Intelixencia, a Garda Civil (polo Ministerio de Interior), o I+D militar que depende do Ministerio de Industria e as misións da OTAN e a Unión Europea (a través do Ministerio de Asuntos Exteriores), entre outros, segundo asegura Justícia i Pau.
Só en investimentos militares, por exemplo, os ministerios de Defensa e Industria investirán 4.080 millóns de euros, é dicir, o 16,71% do total dos investimentos do Estado, o que para o centro Josep Maria Delàs significa unha cifra "desorbitada, se se ten en conta a necesidade de modernizar as deficientes infraestructuras do país".
"Mentres moitas das necesidades sociais do país non están resoltas e as demandas de aumentar o gasto dirixido a poñer remedio non son atendidas, o Estado español continúa dedicando unha parte importante do seu orzamento a un gasto de dubidosa eficiencia e de nulo beneficio social", engaden desde o centro de estudos, que tamén destaca que en 2008 só o investimento militar aumentará un 27,7% a causa, sobre todo, da "adquisición de novos armamentos".
Unha tendencia mundial
Aínda que nos Orzamentos Xerais para o próximo ano o I+D militar diminúe porcentualmente respecto ao total do Estado dedicado a esta materia, o I+D militar aínda representa o 21,67% do total do I+D civil, apunta o centro Josep Maria Delàs.
Para entidades como Justícia i Pau e a Fundació per a Pau, cifras como estas son preocupantes e máis aínda se a nivel mundial a tendencia é similar. Hai uns días, a Fundació per a Pau difundía algúns datos recollidos polo Instituto de Investigación de Paz Internacional de Estocolmo na súa anuario SIPRI 2007 sobre seguridade internacional, paz e desarme.
A principal conclusión á que chega este organismo é que o gasto militar mundial creceu un 37% nos últimos dez anos. Estados Unidos é "o líder indiscutíbel" e China converteuse no primeiro inversor militar en Asia e no cuarto en todo o mundo, di o informe SIPRI, que explica que a principios deste 2007 Estados Unidos, Rusia, Francia, Reino Unido e China tiñan máis de 26.000 cabezas nucleares.
Desde a Fundació per a Pau, o seu director, Jordi Armadans, explica que "a lóxica que se esconde baixo o aumento do gasto militar dos gobernos baséase nun concepto de seguridade tradicional, limitado e obsoleto, que a vencella estreitamente ás ameazas de conflitos armados entre Estados". "As análises do SIPRI admiten unha gama de riscos non tradicionais que non se poden abordar con medios militares", polo que "é necesario superar as políticas de seguridade ancoradas na lóxica militarista", conclúe Armadans.