As retesías entre as dúas patas do bipartito, ao ver de Miguel Vázquez Freire, determinaron as políticas culturais do novo goberno en sectores tan cruciais como o audiovisual e a radio televisión pública.
Desde a perspectiva democrática, a acción gobernamental no eido da cultura aparece atrapada nunha insidiosa aporía. Das decisións tomadas recearase decote que sirvan para a promoción dunha "cultura oficial", incompatible co pluralismo democrático, mais a ausencia de dinamismo cultural ou, en xeral, a pobreza ou limitacións das creacións culturais non deixarán de ser adxudicadas ao mal facer (ou non facer) do goberno. Procurarei escapar dese tramposo dilema nesta análise sobre os dous anos de goberno do bipartito. Non cabe, logo, reclamar que a intervención cultural garanta a excelencia creadora que só fornece o xenio persoal (digámolo así, sen pudor, por máis que a afirmación non guste ao socioloxismo determinista e ao populismo pseudodemocrático que tantos adeptos adoita ter nas ringleiras da esquerda). En cambio, si se lle pode esixir que evite os vicios que foron atribuídos ao poder durante a prolongada era fraguista (a cultura clientelar, as "listas negras", a manipulación informativa, a aposta polos fastos espectaculares e superficiais) e que contribúa a xerar o tecido básico da vida cultural, é dicir, os alicerces infraestruturais sen os cales dificilmente unha vida cultural rica e diversa xermolará.
Pois ben, mirado desde este enfoque, o primeiro que nos reclama a atención é a ausencia dunha concepción común dos obxectivos que cómpre desenvolver e mesmo dunha desconfianza mutua, próxima ás veces a certa hostilidade, entre os dous partidos que comparten o poder. En efecto, xa desde a negociación dos acordos do goberno, a disputa polos espazos de responsabilidade adoptou formas de feo mercadeo e, así, a "cesión" da Consellería de Cultura ao Bloque por parte do partido hexemónico no pacto gobernamental foi acompañada dunha redución dos dominios competenciais, especialmente no delicado campo das comunicacións.
O escaparate da televisión
A cuestión é grave, menos pola decisión en si que polo que ten de síntoma e, sobre todo, polas consecuencias que xa logo se evidenciaron. En primeiro lugar, nas resolucións adoptadas con CRTVG. Un ente con tanta forza simbólica, verdadeiro escaparate capaz de facer visible o cambio de poder nun breve lapso temporal, debía ser especialmente coidado. Entre as promesas de campaña, tanto o PSOE como o BNG aseguraron o seu compromiso a favor de que o director da CRTVG fose elixido directamente polo Parlamento, para así mellor garantir a súa independencia (lémbrese que ao longo da era Fraga as acusacións de sectarismo contra os informativos da radio e televisión públicas foron constantes e ben documentadas). Mesmo o candidato do Bloque, hoxe vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, chegou a asegurar que, se accedían ao goberno, non agardarían á aprobación da nova lei sobre os medios públicos para ofrecer ao Parlamento a oportunidade de decidir quen debía ser o novo director da CRTVG.
Ben cedo os actos desmentiron as promesas. Non só o novo director da CRTVG foi elixido mediante unha decisión directamente emanada do Executivo, tal como no pasado, senón que ademais hai indicios significativos de que non se lle permitiu formar equipo propio, senón que os principais cargos, a comezar polos directores da radio e da televisión públicas, así como os responsables das diferentes áreas (informativos, cultura, etc), foron seleccionados segundo un reparto de influencias partidarias. Hoxe, a principal impresión que se desprende da executoria da "nova" CRTVG é a ausencia dun programa claro, dun deseño definido do que se quere destes medios. Esa ausencia de programa propio por parte dos novos responsables da CRTVG, produto probablemente inevitable da carencia de equipo, é particularmente notoria en televisión. O que se debía constituír no escaparate do cambio trocouse en espello dunha paradoxal continuidade. Así, as "estrelas" da "nova" TVG continúan a ser Gayoso... ¡e os Tonechos! Mesmo a que parecía ser a única (xunto coa serie Pratos combinados) vítima dunha vontade de cambio máis aparente ca real, o "popular superpiñeiro", recobrou protagonismo catódico despois dun paso, entre esperpéntico e como mínimo ambiguo, polos programas de atención á terceira idade promovidos desde a Vicepresidencia.
A cuestión non é, naturalmente, se o señor Piñeiro ou o señor Gayoso, se Pratos Combinados e Libro de familia, deben seguir ocupando un lugar na grella dos programas da TVG. A auténtica cuestión relevante é que o Parlamento aínda non comezou o debate sobre a prometida lei destinada a garantir a independencia dos medios de titularidade pública. Mentres, os vellos vicios tantas veces denunciados non acaban de ser desterrados e as novas virtudes prometidas apenas se albiscan.
A industria audiovisual
A mesma desconfianza e competencia entre os dous partidos tense posto en evidencia no ámbito da política audiovisual, xerando disfuncións que tiveron reiterado eco na prensa. Primeiro con interesadas filtracións que daban determinados nomes como "seguros" novos responsables de organismos como o CGAI e o Consorcio Audiovisual de Galicia, logo desmentidos. Finalmente, o Consorcio, organismo antes dependente de Cultura, pasou a depender da Dirección Xeral de Comunicación de Presidencia. O carácter eminentemente técnico do Consorcio, organismo constituído con participación das empresas privadas do sector, seguramente pesou na decisión de renovar á fronte do mesmo ao xerente que viña desenvolvendo esa función con anterioridade. Unha decisión evidentemente continuísta pero non necesariamente obxectable. Entre tanto, Cultura nomeaba por fin un novo director do CGAI... que houbo de ser substituído ao pouco tempo por notoria incompatibilidade co cargo (un esvarón que, como veremos, se había de repetir, aínda que por razóns diferentes, no caso do CDG) e aínda hoxe é o día en que o cargo permanece vacante.
Coa creación, desde a Consellería de Cultura, da Axencia Galega do Audiovisual a regueifa ocupou de novo as páxinas da prensa, en declaracións cruzadas: desde a xerencia do Consorcio acusábase ao novo organismo de duplicar funcións xa contempladas polo propio Consorcio, acusacións que desmentía o responsable da nova Axencia. En realidade, xa con anterioridade (aínda nos últimos anos da era Fraga) se tiña dado un debate semellante trala creación do Clúster do Audiovisual que para algúns, aínda sendo un organismo de carácter notoriamente diferente (o Clúster está constituído exclusivamente por representantes do sector privado), podía interferir funcións ata entón atribuídas ao Consorcio.
Para alén dos nomes, os feitos
A batalla dos nomes sería tan só unha anécdota sen transcendencia se finalmente a diversidade de organismos, aínda coas súas imprecisións de fronteiras competenciais, sumase e non restase. Para saber se hai suma ou resta cómpre ir aos feitos. ¿Hai algo especialmente novo no campo do audiovisual? Queixábase hai algún tempo Pancho Casal (Continental Producións) de que os criterios de reparto de axudas durante os gobernos do PP favorecían a proliferación de pequenas empresas, débiles financeira e industrialmente, e incapaces de crear produtos exportables. Desde outros sectores criticábase en cambio que a maioría das películas nas que participaba Continental, dificilmente poderían ser consideradas "cine galego". ¿É cine galego Mar adentro, a exitosa película de Amenabar coproducida por Continental? O debate pode conducir a absurdos bizantinismos porque, en calquera caso, semella fóra de toda dúbida que os criterios para a atribución das axudas dificilmente poden contemplar unha definición previa do "cine galego" sobre a que nin sequera existe (nin quizais poida nin deba existir) consenso.
Entre tanto, nunhas recentes declaracións, Ghaleb Jaber Ibrahim, propietario da produtora de televisión CTV (a produtora do "Supermartes"), anuncia que está a pensar en vendela "porque estou canso de perder o tempo en loitas localistas", mentres denuncia que "non hai política audiovisual, ninguén cre na industria audiovisual" e deixa caer a alusión de ter sido vítima dunha depuración ideolóxica: "suspendéronse practicamente todos os seus programas [os producidos por CTV para TVG] simplemente porque un deles representaba a época Fraga" . ¿Deberiamos falar do perigo de que, no camiño dunha nova TVG e un "cine galego" aínda inexistentes, se estean a perder os existentes...?
O artigo completo, na edición impresa de TEMPOS Novos (nº 124, setembro de 2007)