Na terza feira presentouse un proxecto destinado a fomentar a integración a través do baloncesto nos centros de menores dependentes da Vicepresidencia da Xunta.
De xeito piloto, O noso baloncesto integra aplicarase en catro centros da provincia de Ourense, para logo estendelo a todo o territorio galego.
A Consellaría de Cultura e Deporte e máis a Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar asinaran na pasada primavera un convenio para desenvolver actuacións que promovan a integración e a igualdade no ámbito deportivo. Daquí saíron programas coma o Cachibol, destinado a maiores, ou Vela para todos, encamiñado a superar discapacidades físicas para a práctica deste deporte.
Na mañá da terza feira presentouse un terceiro elo desta cadea que, en palabras da directora xeral para o Deporte, Marta Souto, "busca integrar no deporte a todas as persoas". Tamén asistiron a secretaria xeral do Benestar, María Xesús Lago, e o presidente da Federación Galega de Baloncesto, Francisco Martín Micó.
O Noso baloncesto integra
O proxecto O noso baloncesto integra consiste na elaboración de xogos de baloncesto, de xeito experimental, en catro centros de menores tutelados pola Vicepresidencia da Xunta, sitos na provincia de Ourense: o Complexo de Montealegre, Monteledo, Montefiz e Centro a Carballeira.
María Xesús Lago sinalou que este tipo de programas son "de especial relevancia para a Vicepresidencia" xa que "se queren aplicar valores de solidariedade, traballo en equipo e apertura á comunidade" entre os máis novos.
"O obxectivo é que se confíe no baloncesto como vehículo para a integración das persoas que o precisan, polo que a metodoloxía baséase na participación e na formación, non na competición", comentou Francisco Martín Micó.