Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Fwwwrando

RSS de Fwwwrando
FALA O CREADOR DA 2ª WEB GALEGA MÁIS POPULAR

"Prisa quere afogar economicamente a Rojadirecta.com"

Igor Seoane -webmaster dun portal para ver todo o fútbol gratis na rede- denuncia que o xigante madrileño, ademais de metelo nos xulgados, montou un boicot publicitario na súa contra.

Manuel Vilas - 13:05 02/10/2007
Logotipo da web denunciada

Logotipo da web denunciada

Audiovisual Sport, controlada polo grupo Prisa, logrou abrir este verán unha causa penal contra Igor Seone, un rapaz de Oleiros. A razón é Rojadirecta.com, un popular portal que publica ligazóns para ver gratis e en directo as principais retransmisións deportivas.

A guerra do fútbol televisivo chega así a Galiza e faino por mor do enorme éxito dunha páxina persoal. E é que, segundo a clasificación de Alexa, Rojadirecta.com é o segundo sitio galego máis popular, por diante de todos os xornais, incluído La Voz de Galicia e só por detrás do portal de videoxogos Vandal.

Nesta entrevista Igor Seone -que leva dous anos actualizando o sitio coa axuda dunha gran comunidade de usuarios- defende a súa inocencia. Porén, Seoane é consciente dos riscos que ten estar no punto de mira de Prisa.

O grupo mediático, ademais de demandalo, xa logrou espantar a todos os anunciantes de Rojadirecta.com, afirma o webmaster coruñés. Con todo, Seoane non vai parar de publicar enlaces ao futbol gratis porque “suporía axudar a Audiovisual Sport a cambiar a conciencia social, a que a xente crea que fan algo ilegal”.

Por que se lanzou a publicar enlaces para ver os partidos gratis?
Daquela había comunidades en liña onde compartir fútbol en inglés e en chinés pero non en español, idioma que si tiña comunidades moi asentadas que compartían series, películas, etc.. Por outra parte comezaba a ter éxito en Europa a posibilidade de ver eventos deportivos con aplicacións p2p chinesas de televisión. Había que subirse ao carro naquel intre, non era difícil prever unha gran demanda.

Audiovisual Sport demandouno este verán ...
En realidade non é unha demanda, se non unha denuncia de natureza penal, por un delito, unha acusación grave. Non parece que se atrevan a facer o mesmo con Mediapro, a pesar de os acusar publicamente de piratear. Con eles tomaron medidas legais pero non por vía penal.

Tivo que ir declarar á comisaría ...

Dous membros da policía xudicial de A Coruña foron ao meu domicilio familiar e notificáronme que tiña que presentarme na comisaría á mañá seguinte. Acudín cun avogado do Bufete Almeida, un coñecido gabinete especializado en novas tecnoloxías de Barcelona, e tomáronme declaración membros do "Grupo de Fraudes no Uso das Telecomunicacións" procedentes de Madrid. O máis sorprendente, e preocupante, é que me encontrei alí dentro da comisaría a xente que non debería estar: dous directivos de Audiovisual Sport. Agora mesmo o proceso está nunha fase moi inicial, e xa se sabe a eternidade dos procesos xudiciais....

Tvmix, unha web similar a Rojadirecta.com, deixou de publicar enlaces tras ser denunciada. Por que non o fixo vostede?
Sinxelamente porque a lei non dá lugar a dúbidas : a actividade da web é completamente legal mírese como se mire. En poucas palabras a lei di que os sitios web non son responsábeis dos enlaces, se o contido ao que enlazan non foi declarado ilegal por un xuíz. Ademais non contravén ningún artigo do código penal. A denuncia é unha barbaridade. Deixar de publicar os enlaces suporía axudar a Audiovisual Sport a cambiar a conciencia social, a que a xente crea que fan uso de servizos ilegais.

Daquela, porque a Xustiza admitiu a trámite a denuncia ?

Aos xuíces non se lles pode esixir ser usuarios avanzados de Internet, pode haber información que se lles escape. Non teñen culpa de que na documentación presentada por Audivisual Sport constan graves acusacións falsas como por exemplo que "a web está a emitir partidos de fútbol por Internet sen ter os dereitos" cando Rojadirecta.com non emite contido audiovisual algún.

Non o intimida estar demandado por un grupo tan poderoso como PRISA
?
Non, porque a lei non dá lugar a dúbidas. En calquera caso non me intimida que me demande un grupo empresarial poderoso de por si, non me asustaría por exemplo se me denunciara un gran grupo de comunicación noruegués se eu vivise en Noruega. Falando claro, a o que me preocupa é a corrupción como a calquera cidadán no sur de Europa. No Norte de Europa a xente non contempla que exista a corrupción no seu país, aquí tacharíanche de inxenuo.

Que lle parece que o preito se estea a tramitar en Madrid?
Iso si que me preocupa, prefiro xogar en casa e non que o faga o demandante. Creo máis lóxico que se eu son o demandado o xuízo se celebre nun xulgado da e non nun de Madrid. Máis aínda tendo en conta que o demandante está controlado polo xigante da Gran Vía madrileña...

Sorprende que Rojadirecta.com non teña ningún anuncio. Se non o moven intereses económicos, por que se arrisca?

A web non ten banners porque, polo que me comentaron, Audiovisual Sport, por medio dun terceiro, alertou a todas as redes publicitarias. Unha das axencias de publicidade díxome que perderían moito diñeiro se non quitaban a Rojadirecta da súa rede de soportes. É dicir, pretenden afogar economicamente a web. En calquera caso a publicidade non é sinónimo de ánimo de lucro.

Debería ser o acceso as retransmisións deportivas gratis?

En certa medida esa é a situación natural actual e non creo que deba cambiarse de forma autoritaria, artificial e improcedente. Existen infinidade de medios para rendibilizar o fútbol. Moita xente báixase cancións sen pagar pero a venda de música vía iTunes é un modelo de negocio que funciona. As corporacións teñen que adaptarse aos tempos e non as leis e consumidores a elas.

Na súa opinión que programa é mellor, Sopcast, TV Player ...

Os programas que mencionaches son posiblemente os máis de moda en occidente, especialmente SopCast. En calquera caso isto foi cambiando e seguirá variando. Salvo excepcións, non son clones e moitos teñen características interesantes das que outros carecen.

Por último, cal é o seu equipo favorito?
Mellor non o digo que sempre hai algún foreiro en Rojadirecta que pensa que lle moderan as mensaxes por ser do equipo rival...


4,64/5 (14 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: