Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Fwwwrando

RSS de Fwwwrando
PRESUNTO DISPARO EN CHANTADA

Investigan unha serie de sabotaxes en parques eólicos

A patronal dos muíños destaca que nos mesmos días dos ataques a asociación independentista AMAL organizou rutas reivindicativas

M. Vilas - 16:15 01/10/2007
Pintada no Parque Eólico do Faro, en Chantada, que apareceu o día da sabotaxe, segundo a AEG. Foto: AEG

Pintada no Parque Eólico do Faro, en Chantada, que apareceu o día da sabotaxe, segundo a AEG. Foto: AEG

A Garda Civil está a investigar unha serie de sabotaxes en parques eólicos galegos. Até catro instalacións -na serra do Faro, Careón, Cova da Serpe e no Suído- foron sabotadas en setembro. O impacto económico foi considerábel, pois nalgúns casos os muíños tiveron que pasar varios días sen producir.

Cable inutilizado dun disparo?
A sabotaxe máis grave sucedeu hai dúas semanas no parque eólico da Serra do Faro, preto de Chantada, que estivo parado nove días por mor dun curtocircuíto. Os laboratorios da Garda Civil están a analizar o cable causante do problema que, segundo fontes empresariais, recibiu un disparo dunha arma de fogo.

Sobre a autoría dos feitos, a patronal Asociación Eólica de Galicia (AEG) sinala a coincidencia entre as datas de varias sabotaxes e as marchas organizadas pola Asociación de Montaña Augas Limpas (AMAL). Por exemplo, os empresarios indican que a sabotaxe de Chantada producise o mesmo día (19 de setembro) en que AMAL organizou unha marcha nese lugar, como se pode comprobar en liña.

A AEG non acusa directamente a este grupo ecoloxista con ligazóns co independentismo. Iso si, destaca a aparición de varias pintadas nas instalacións atacadas e fai pública unha imaxe, supostamente do parque da Serra do Faro, na que aparece a sinatura de AMAL.

Negan responsabilidade
Por outra banda, un dos participantes nas rutas de AMAL nega que a asociación estea detrás das supostas sabotaxes. É máis, este activista acusa a AEG de tentar incriminalos sen probas mediante a “intoxicación aos medios”, en referencia a un artigo de La Voz de Galicia.

“AMAL é un núcleo de resistencia a destrución do país que realiza exclusivamente actividades propagandísticas e de activismo ecoloxista” alega esta persoa, que prefire non desvelar a súa identidade.

Resistencia nacional”
Na convocatoria das marchas AMAL aseguraba que “deixaremos a nosa pegada sinalando aos responsábeis de tantas desfeitas que inzan o país. É a nosa contribución modesta á formación dunha comunidade de resistencia nacional” . Segundo fontes deste grupo nacionalista, nas marchas deste setembro participaron unhas trinta persoas, aproximadamente, para protestar contra a espoliación do patrimonio natural galego .

Identificados pola Guardia Civil
Despois dos ataques, a AEG xa alertou a todos os seus asociados que extremen os seus servizos de vixilancia para impedir novas sabotaxes. En varias rutas, membros de AMAL din ter sido identificados pola Garda Civil.


5/5 (5 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: