O parque eólico "Couto de San Sebastián" que se está a construir no LIC Brañas de Xestoso e o Plano de Acuicultura son as actuacións que ADEGA ven de trasladar á Comisión e ao Parlamento Europeo. As denuncias teñen como obxectivo a paralización das obras do parque eólico tal como aconteceu coa autoestrada que atravesa o Parque Nacional de Biebrzański, na Rede Natura 2000 polaca, por dano irreversíbel a un espazo protexido. E sobre o Plano Acuícola, ADEGA quere trasladar ás institucións europeas a súa preocupación sobre as afeccións que as macropiscifatorías van causar no litoral e o uso de fundos europeos para subvencionar esta desfeita.
As Brañas de Xestoso constitúen a mellor representación das turbeiras ácidas de esfagnum, un hábitat moi raro e fráxil do que en Galiza contamos o co 85% do identificado para toda a franxa atlántica penínsular. Este espazo conta ademáis cos seguintes hábitats protexidos (Directiva 92/43 CE de Hábitats, * sinala os prioritarios): 4020* Uceiras húmidas atlánticas meridionais de Erica cillaris e Erica tetralix; 4030 Uceiras secas (todos os sub-tipos), 4090 Uceiras oromediterráneas endémicas, 7110* Turbeiras altas activas, 7140 'Mires' de transición, 7150 Depresións sobre substratos turbeiros (Rhynchosporion), 8230 Pasteiros pioneiros en superficies rochosas, 9230 Carballeiras galaico-portuguesas con Quercus robur e Quercus pyrenaica; e das especies protexidas polas Diretivas 79/409 CE (de Aves) e 92/43/CEE (de Hábitats) como as nomeadas A082 Circus cyaneus, A084 Circus pygargus, A099 Falco subbuteo, A128 Tetrax tetrax (en perigo de extinción), A153 Gallinago gallinago, A224 Caprimulgus europaeus, A246 Lullula arborea, A255 Anthus campestris, A277 Oenanthe oenanthe, A302 Sylvia undata, A338 Lanius collurio (aves); 1324 Myotis myotis, 1303 Rhinolophus hipposideros, 1304 Rhinolophus ferrum-equinum (mamíferos); e 1398 Sphagnum pylaisii (plantas).
As obras deste parque eólico van ter un grave impacto sobre a avifauna, entre a que se atopa o sisón (Tetrax tetrax) unha especie en perigo de extinción en Galiza e recentemente incluida no Catálogo Galego de Especies Ameazadas. No estudo de impacto non se avalían as consecuencias sobre as poboacións desta especie, para a que segundo a UE é preciso dispoñer de medidas de especial conservación.
Por outra banda, as infraestruturas asociadas como pistas, desmontes, parques de maquinaria, gavias e foxos, etc. van provocar alén da fragmentación dun ecosistema moi fráxil, a modificación da dinámica hídrica local e o drenaxe das zonas encharcadas, un dos principais valores das Brañas de Xestoso.
Os impactos son pois, irreversíbeis, significando a destrucción definitiva dos valores ecolóxicos dun espazo da Rede Natura 2000. Ante a pasividade da administración, ADEGA ven de denunciar perante a UE esta obra, agardando que a Comisión adoite con urxencia medidas cautelares para salvagardar a integridade deste espazo protexido. Alén disto, vimos tamén de poñer en coñecemento do Parlamento Europeo o Plano Sectorial Acuícola proposto pola Consellería de Pesca.
En opinión de ADEGA, trátase dun proxecto insustentábel ecolóxica e economicamente, e sobre o que a UE debería coñecer non só as consecuencias que vai ter sobre os LICs do litoral, senón tamén os usos que a Xunta pretende dar aos fondos europeos.