O dono do nome Alasbarricadas.org terá que indemnizar o cantante por uns comentarios e unha imaxe publicadas no portal.
Uns comentarios publicados no portal Alasbarricadas.org no ano 2006 contra o cantante Ramoncín e unha fotomontaxe do artista coa cabeza cortada fixeron que o coñecido como “rei do polo frito” presentase unha demanda contra a web. Co apoio dos avogados da SGAE e a Lei de Servizos da Sociedade da Información, Ramón Márquez Martínez conseguiu unha sentenza favorábel ás súas teses.
A resolución do xulgado de primeira instancia número 44 de Madrid senta un perigoso precedente, pois estima unha demanda baseada simplemente no rexistro do whois, onde figuran os datos da persoa titular do dominio. E iso a pesar de que a Fiscalía pedira desestimar a demanda, porque o portal xa retirara os contidos difamatorios e porque non estaba probada a relación do titular de alasbarricadas.org coas descualificacións.
O dono do dominio teralle que pagar unha indemnización de 6.000 euros a Ramoncín máis os custos do proceso por non ter cumprido os requirimentos da LSSI para os titulares de enderezos de Internet.