Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Cabo Fisterra xa conta coa distinción

Unha placa de Patrimonio Europeo na fin do mundo

Deste xeito, atribúeselle ao mítico espazo a mesma importancia ca á Acrópole de Atenas, á Biblioteca da Universidade de Coímbra, ou á Abadía de Cluny na construción da Historia de Europa.

Redacción - 18:35 25/09/2007

No acto de entrega, na mañá deste martes 25 de setembro, estiveron a conselleira de Cultura e Deporte, Ánxela Bugallo, o director xeral de Patrimonio Cultural, Felipe Arias, e o alcalde de Fisterra, José Manuel Traba.

Grazas a este recoñecemento, a nosa "fin do mundo" pode obter unha serie de beneficios sociais e económicos. Para isto, a Consellaría levará adiante unha serie de medidas para a conservación e divulgación da área: a igrexa de Santa María das Areas, declarada Ben de Interese Cultural, será restaurada cun orzamento de 325.000 €, e no seu exterior acondicionarase unha área de recepción de visitantes cun punto de información e un aparcadoiro, ademais de beirarrúas e bancos.

Un lavado de cara para "o santo da barba dourada"


Tamén están a resolverse os trámites para restaurar a imaxe do Santo Cristo de Fisterra, ademais da limpeza do conxunto arqueolóxico e etnográfico de San Guillerme (os restos da antiga capela e do sartego, as chamadas Pedras Santas).

Outras accións previstas son a construción dun mirador, a limpeza e acondicionamento do camiño do cemiterio pola costa, a recuperación xeral de camiños e de vexetación e a instalación de sinais informativos, ademais da eliminación das antenas de telecomunicación.

Finis terrae

A fin do mundo, á que, segundo a lenda, chegaron as tropas de Décimo Xuño o Bruto logo de atravesaren Gallaecia, onde aínda hoxe seguen chegando os peregrinos e romeiros que aínda continúan despois de Compostela. Unha das portas do alén. A casa da Orca Vella, perdida polo Monte Facho. A terra do Ara Solis, ou do culto o sol alá onde morre, ou o lugar onde fica a cidade asolagada de Dugium.

Son unha chea de lendas, pagás a maioría e cristianizadas outras, que arrodean o extremo máis occidental de Europa. O seu carácter estremeiro convérteo nunha referencia mitolóxica en varias culturas europeas.


5/5 (2 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



O alcalde de Fisterra, a conselleira de Cultura e o director xeral de Patrimonio. Detrás, o Cabo
O alcalde de Fisterra, a conselleira de Cultura e o director xeral de Patrimonio. Detrás, o Cabo
O director xeral, o arquitecto César Portela, a conselleira e a concelleira do BNG en Fisterra, Mónica Góñez
O director xeral, o arquitecto César Portela, a conselleira e a concelleira do BNG en Fisterra, Mónica Góñez