Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
Festival en Ferrol

O Fervesteiro solidarízase este ano co movemento contra Reganosa

Do 21 ao 22 de setembro, as rúas da cidade encheranse de concertos e outras actividades culturais.

Redacción - 12:21 20/09/2007

A ría de Ferrol celebra este venres o quinto festival Fervesteiro, marcado este ano polo rexeitamento á planta de Reganosa, en Mugardos. Entre o venres e o sábado, o público ferrolán gozará da música ao vivo e actividades autoxestionadas e sen ánimo de lucro.

O apoio ao Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol tinguirá de solidariedade todas e cada unha das mostras culturais do Fervesteiro 2007 e o seu lema “A ría é nosa e non de Reganosa” resoará durante as dúas xornadas. Ademais, o festival reivindica o uso das rúas para a xente, e non para as inmobiliarias, o empresariado e o politiqueo.

O venres ás tres da tarde abrirase un espazo para a creación de graffitis na porta do estaleiro. Xa pola noite, ás nove, proxectarase na Praza do Himno o documental O salario do silencio, sobre a loita cidadá contra a planta regasificadora da ría de Ferrol. A continuación, comezarán os concertos de Malandrómena, Lost Psychotics e Aljashsue and the Visionaries, na porta do estaleiro.

Para o sábado prevese unha ruta polo barrio de Esteiro, ás sete e media, e o espectáculo interpretado por Olaia Pazos Desconcertos con tropezóns e auroras, na Fundaçom Artábria, ás nove. Xusto antes do comezo dos concertos, Luz Mariña Torrente, presidenta da Asociación de Veciños Cruceiro de Meá, intervirá na porta do asteleiro. Logo, a iso das dez e cuarto, comezarán as actuacións de Presa fácil, Essenzia de lapo, Som do galpom e Dr. Funkstein.

Paralelamente, haberá un mercadiño de artesanía e de colectivos e, entre os concertos, proxectaranse vídeos e fotografías da loita contra a planta de gas. Ao remate, picadiscos. E, aínda que chova, non haberá problema, porque as actuacións desenvolveranse debaixo dunha carpa.


5/5 (6 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: