Nunha resposta a unha pregunta de Bieito Lobeira, Isabel Durántez considerou a acción como "a última opción nunha situación de conflito".
A directora xeral de Interior, Isabel Durántez, xustificou a carga policial acontecida o 30 de maio contra os mariscadores da Ría de Ferrol que se manifestaron contra Reganosa, por se tratar da “última opción nunha situación de conflito prolongada”, malia que asegurou que o Goberno aposta pola vía do diálogo e da negociación. Durántez non valorou actuación da policía e só deu datos sobre o despregamento de medios humanos na zona.
O autor da pregunta oral, o parlamentario do BNG Bieito Lobeira, cualificou de “desafortunada” e “desproporcionada” a carga contra os mariscadores, que rematou coa detención do patrón maior da confraría ferrolá, que pasou un tempo na prisión de Teixeiro. O deputado nacionalista considera que se tratou dunha “actuación unilateral por parte da Delegación do Goberno” español.
Lobeira levou o debate á Comisión Primeira do Parlamento e dixo que o BNG “aínda defendendo o carácter estratéxico dunha instalación enerxética destas características no noso país, foi a única forza política que presentou no seu día alegacións nas que se cuestionaban o emprazamento da pranta en Mugardos”. O parlamentario recoñeceu que “o debate agora é quen pode sufragar o traslado destas instalacións”.