Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Este luns, 17 de setembro

O SLG participará na manifestación pola soberanía alimentaria en Porto

O Sindicato Labrego Galego fretará varios autobuses para chegar á marcha internacional, que remata diante do Consello Agrícola da Unión Europea na cidade lusa.

Redacción - 14:15 14/09/2007

Labregos e labregas de toda Europa reclamarán unha nova Política Agraria Común (PAC) nesta convocatoria da Confederação Nacional da Agricultura (CNA), a Coordenadora Labrega Europea (CPE) e a Coordenadora de Organizacións Agrarias e Gandeiras (COAG). Tamén o Sindicato Labrego Galego (SLG), súmase a esta iniciativa.

Sairán ás 15.00 do Xardín João Chagas, fronte á Torre dos Clérigos, percorrerán a cidade até o Edificio da Alfándega, onde se reúne o
Consello Agrícola. O presidente do mesmo e ministro de Agricultura de Portugal, Jaime de Jesus Lopes Silva, recibirá a unha delegación da manifestación ás 16.00.

Baixo o lema "Queremos producir para desenvolver o mundo rural. Queremos outra PAC", reclamarase unha nova política agraria, que garanta uns prezos que cubran os custes de produción e remuneren o traballo nas explotacións, que lle dea prioridade á actividade nas explotacións labregas como un labor de utilidade pública, polas súas repercusións positivas a nivel social e ambiental, na ocupación do territorio, e como garantía dunha alimentación saudábel e asumíbel economicamente.

Agricultura fóra da OMC

Rexéitase tamén a proposta de reforma da Organización Común de Mercado (OCM) do Viño por ameazar o modelo actual de vitivinicultura, e pídese unha revisión sobre a das froitas e das hortalizas, para facela compatíbel coa produción nas explotacións agrarias familiares. Tamén se solicita un aumento do orzamento agrícola, axudas vinculadas á produción, e unha redistribución xusta dos dereitos de produción e das axudas para apoiar a agricultura labrega e o mundo rural.

Ademais esixen a mantenza do control da produción, a mellora dos servizos públicos no rural, a simplificación da burocracia, tendo en conta as particularidades de cada rexión ou país, a reafirmación e motivación para a produción de alimentos, na vez de fomentar a produción intensiva e xeneralizada de agrocarburantes.

Solicitan, ademais, o respecto ao dereito a elixir en materia de organismos
xeneticamente modificados, a definición dunha política forestal europea que respecte as distintas características dos bosques no espazo europeo, e en resumo, a defensa da soberanía e da seguridade alimentarias. Para iso, a agricultura e alimentación deben manterse fóra da Organización Mundial do Comercio (OMC).


5/5 (2 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Lidia Senra, secretaria xeral do SLG
Lidia Senra, secretaria xeral do SLG