A Deputación de Pontevedra e cinco concellos de Portugal conforman esta entidade, que vai presentar á UE os seus proxectos transnacionais.
O presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán, reuniuse esta quinta feira en Bruxelas cos responsábeis das cámaras municipais de Melgaço, Monção, Paredes de Coura, Valença do Minho e Vila Nova da Cerveira e mais co director xeral de Desenvolvemento Rexional da UE, Dirk Ahner.
A entidade provincial pontevedresa e as cinco cámaras municipais portuguesas van constituír a primeira Agrupación Europea de Cooperación Territorial (AECT) que se forma en Galiza, á que chamaron Uniminho.
As AECT's son organismos regulamentados no Diario Oficial da UE que teñen como obxectivo superar os obstáculos da cooperación supraterritorial.
Os proxectos de Uniminho
A nova asociación vai presentar á UE proxectos trasnacionais que se desenvolverán cos fondos comunitarios. Estes están relacionados co turismo, co saneamento ambiental, coa dinamización empresarial e co apoio aos servizos públicos.
Segundo din dende a Deputación, os proxectos de turismo refírense á creación dun campo de golf no Baixo Minho e á rexeneración integral dos cascos históricos das vilas integrantes da asociación.
Os de medioambiente falan de accións locais de saneamento e abastecemento -continuadores do programa Deputrans, de colocación de 35 depuradoras en 18 concellos que verten ao Miño- e sobre xestión sustentábel do monte.
Os de dinamización empresarial son para fomento de iniciativas empresariais comúns e para a creación dun Observatorio.
E, finalmente, os de servizos públicos pretenden dotar de banda larga aos concellos do Val do Minho e desenvolver un proxecto piloto de xestión de transporte público transfronteirizo entre as localidades de Galiza e Portugal.