Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Conflito co fútbol

Prohiben que Cataluña xogue contra EUA "porque non é nadal"

As formacións políticas catalás apoian a federación do seu país para que se poida disputar o encontro de fútbol o vindeiro 14 de outubro.

Redacción - 09:50 05/09/2007

A decisión da Real Federación Española de Fútbol (RFEF) de prohibir que se dispute o partido entre Cataluña e os Estados Unidos, previsto para o 14 de outubro. O argumento do organismo español é que as seleccións autonómicas "só poden disputar un partido ao ano, coincidindo coas festas do nadal". As formacións políticas catalás CiU, PSC e ERC amosáronse indignadas pola decisión e apoiarán a Federación Catalá de Fútbol, que advertiu de que, se a RFEF non rectifica, levará o caso ao Tribunal Arbitral do Deporte, en Lausana.

Segundo informa Vilaweb, o presidente do Parlament, Ernest Benach, pediulles aos clubs que reaccionen, mentres o grupo de Esquerra no Congreso español pediu a comparecencia da ministra de Educación, para que dea explicacións sobre o caso. O voceiro de ERC en Madrid, Joan Tardà acusou o goberno español de estar detrás da decisión, que tachou de “abuso de dereito vergoñoso, propio dunha época cavernícola”.

Pola súa banda, Josep Maldonado, de CiU, dixo que apoiará a Federación Catalá para revogar a decisión da RFEF, e instou o goberno catalán a presionar para que a selección poida xogar contra os EUA. O responsábel de deportes de PSC, Josep Monràs, salientou que a Federación Catalá actuara cunha corrección escrupulosa en todo o proceso e dixo que o seu partido a apoiaría.

A Federación estadounidense de fútbol xa tiña previsto xogar o partido contra Cataluña, pois a súa axencia oficial de viaxes xa ofrece paquetes turísticos para asistir ao encontro en Barcelona.


4,2/5 (5 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: