O conselleiro confía en que o anteproxecto chegue ao Parlamento a tempo e que as novas estruturas non colidan coas que xa existen.
O conselleiro de Presidencia anunciou que a Lei das áreas metropolitanas entrará en vigor en 2008, cumprindo así co compromiso anunciado. Xosé Luís Méndez Romeu dixo que nas vindeiras semanas se buscará “o acordo definitivo con todos os concellos que poidan formar parte desa estrutura” para remitir o anteproxecto ao Parlamento antes de fin de ano.
O responsábel de Presidencia explicou que se atopan nun “proceso de conversas” na procura do “consenso”. Se se dá unha solución satisfactoria, o anteproxecto podería estar listo nunhas poucas semanas.
A futura lei definirá o ámbito territorial, os órganos de goberno, o marco de competencias e o financiamento das áreas metropolitanas. Méndez Romeu anunciou que a estrutura final será de tal xeito que “non colida, non se solape ou sexa redundante coas institucións existentes” e tamén evitará a creación “dunha nova administración burocrática”.