Está organizada polo Movimiento Clima. O percorrido, de 145 quilómetros, será idéntico ao que disputen os profesionais na primeira tirada da competición.
Coincidindo co inicio da 62ª edición da 'Vuelta a España', o Movimiento Clima, creado entre outros polo sindicato CCOO, organiza este venres a II Marcha Cicloturista 'Vuelta a España', con inicio e fin en Vigo. O percorrido, de 145 quilómetros, será idéntico ao que disputen os profesionais na primeira etapa da competición.
Os participantes darán tres voltas a un circuíto de 48 quilómetros, subindo en cada volta os altos de Vilarchán e de Zamáns, de terceira categoría. Nesta edición, prevese unha participación superior á do ano pasado en Almería (Andalucía), cun total de medio milleiro de cicloturistas procedentes de diversos países, sobre todo españois.
Fomentar o respecto ao medio natural
Segundo informou o sindicato CCOO, os obxectivos que inspiran a marcha son os de fomentar o cicloturismo como unha "actividade sociocultural e de respecto ao medio natural"; aproveitar a práctica deportiva do ciclismo "como actividade física, que está en permanente contacto coa natureza"; e concienciar a sociedade actual de que utilizando a bicicleta como medio de transporte "axudamos a non contaminar, co que contribuímos a conservar o noso planeta".
Ademais, regalaranse camisetas co logotipo de Movimiento Clima aos 1.500 primeiro inscritos na proba. Os tres primeiros corredores -en categoría masculina e feminina- en chegar a meta recibirán un presente simbólico, así como tamén o participante máis novo, o de maior idade, e o o club con maior número de ciclistas na marcha. Tamén se instalará unha carpa de Movimiento Clima con bicicletas estáticas para o uso dos asistentes.