Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Tempos Novos

Xestionado por Tempos Novos
RSS de Tempos Novos
O LOBBY DA LOUSA IMPÓN A SÚA LEI

O Courel ferido

A autorización da canteira da Campa no corazón do Courel dálle cobertura legal a unha explotación que leva traballando dende hai máis de vinte anos nunha zona que mesmo foi excluída da proposta a Rede Natura en 2004 a petición da industria louseira. O sucedido é síntoma dun mal que afecta a todo o país: o desprezo á natureza en función do interese empresarial. Unha reportaxe de Belén Puñal.

TEMPOS Novos - 11:03 21/08/2007

A inmensidade do Courel bate na ollada afeita aos montes industriais de piñeiros e eucaliptos. Inmensidade cromática, de tesos cumes, de ladeiras empinadas. O coche circula entre estradas estreitas e retortas que discorren pola parte alta da montaña. Introducímonos no bosque a pé tentando manter o equilibrio pola pendente da aba. Descendemos entre castiñeiros centenarios, unha das moitas xoias paisaxísticas que garda o Courel. Mais, de socato, o chan desaparece. O souto de Santa Eufemia esfúmase aos nosos pés. Un precipicio gris corroe o horizonte: é a canteira da Campa.

Só unha ollada ao bosque que aínda queda é suficiente para darse conta do obvio, que foron intereses industriais e non razóns ambientais os únicos que motivaron a exclusión desta zona da proposta da Administración autonómica para Rede Natura en 2004. Agora o Consello da Xunta vén de darlle autorización urbanística, trámite previo á licenza municipal, á Campa. O argumento no que a Administración se xustifica son as ducias de empregos existentes, postos de traballo con nómina de Cupire Padesa, a empresa que explota a canteira.

O visto bo da Xunta chega dezaoito anos despois de que A Campa iniciara a súa actividade sen autorización autonómica, sen licenza municipal, sen avaliación de impacto ambiental. Unha canteira que leva case dúas décadas a roer a montaña, anos nos que seguiu a traballar facendo caso omiso da lexislación urbanística e ambiental e mesmo da orde de paralización emitida en 2002 pola Dirección Xeral de Urbanismo e ratificada en 2006 por sentenza firme do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

A decisión da Xunta sorprende pois a zona está cualificada como solo rústico especialmente protexido. E neste tipo de espazos, segundo o que a propia norma di (Lei 9/2002 de Ordenación Urbanística e Medio Rural de Galicia, disposición transitoria décimo segunda) a Administración, escoitada a Comisión Superior de Urbanismo, ha ter en conta a compatibilidade cos valores naturais, ambientais e paisaxísticos existentes antes de autorizar unha explotación deste tipo. É dicir, unha explotación mineira ou actividade extractiva que, como A Campa, estivese en activo e sen a preceptiva licenza no momento da entrada da devandita norma.

O visto e prace da Xunta, tal como indican as asociacións ecoloxistas, é un grave precedente para outras canteiras en similar situación de irregularidade, e máis tendo en conta que sobre o Courel cérnense varios proxectos futuros de explotación. Son máis de medio cento, 54 en total, os dereitos mineiros xa existentes no territorio, contabilizando concesións outorgadas, autorizadas e solicitadas. Mais se botamos unha ollada aos permisos de investigación, un dos trámites previos que as empresas solicitan para determinar a existencia de recurso nun territorio, podemos ver como estes se estenden pola maior parte do concello de Folgoso do Courel.

Mesmo é, tamén, un mal precedente para tantas e tantas outras partes do país con similares conflitos entre a Rede Natura e os intereses industriais. Ante a ausencia durante anos dunha aposta clara polo desenvolvemento sustentábel, a falta de crermos na paisaxe e a natureza como fonte de riqueza (mesmo nunha zona con tanto potencial como o Courel), as empresas impóñense sen problema a argumentos ecolóxicos coa promesa da creación fácil de novos postos de traballo. Fronte á ausencia de alternativas sólidas, faise valer o pan para hoxe e fame para mañá.

Unha situación dantesca

Dende a estrada LU 651, que transcorre un bo tramo á beira da explotación, é fácil conseguir unhas boas panorámicas da canteira. A vía delata aínda os cambios de trazado forzados polo esboroamento da ladeira. As fochancas do seu firme revelan a inestabilidade do chan. Parados á beira da estrada, observamos na parte superior da montaña unha fenda que racha a superficie da montaña.

Segundo indica Amigos da Terra, xa se afundiron cen metros da estrada, que tivo que cambiar o seu trazado arredor de 200 metros. O monte onde asenta a nave industrial da canteira, incide a mesma asociación, está totalmente desestabilizado polas fendas, o uso de explosivos e a grande fochanca dunha das frontes da explotación. Tamén o está a ladeira da outra marxe do río, onde asenta a poboación de Santa Eufemia. E a situación pode ir a peor. Tal e como sinala a Confederación Hidrográfica do Norte "o risco xeolóxico-xeotécnico existe e é previsíbel que evolucione a máis cos indicios observados". As verbas están extraídas do proxecto para a restauración das áreas afectadas por entulleiras de lousa no contorno do río Laruda, que evidencia ben ás claras os riscos para as persoas que traballan na canteira ou que circulan pola estrada. Nel a Confederación tamén recoñecía a existencia dun noiro parcialmente deslizado, onde poderían provocarse futuros desprazamentos, e explicitaba a falta de seguridade das enormes escombreiras xeradas (problemas de compactación, de inclinacións excesivas, desprendementos de bloques...).

O proxecto, por certo, prevía destinar unha importante cantidade de fondos procedentes das arcas públicas a amañar a desfeita provocada por unha empresa privada. A situación, porén, non é exclusiva da Campa. Dende que en 2001 se asinou o protocolo de colaboración entre Xunta, Ministerio de Medio Ambiente, Confederación Hidrográfica e Asociación Galega de Pizarristas para a restauración hidrolóxico forestal de antigas canteiras de lousa, o sector conta co respaldo do erario público (segundo SOS Courel, un 70 por cento provén do fondo FEDER da Unión Europea) para reparar os impactos ambientais provocados.

Cando estamos a baixar a ladeira escoitamos unha detonación. "As voaduras son como un terremoto. Trema todo, a mesa, os armarios, teñen roto vasos. Era o pan noso de cada día. Agora fan voaduras máis pequenas pero de cando en vez seguen facendo algunha gorda. Non é admisíbel que dentro da túa casa sintas inseguridade", manifesta José Ramón Rodríguez, presidente de SOS Courel. Ten casa en Santa Eufemia, aldea de orixe medieval que semella facer equilibrismo na aba da montaña. Tamén situadas a poucos centros de metros están outras poboacións, como a Pendella, a Campa, Torzón, Valdomir ou a propia capital do concello, Folgoso. Dende a asociación denuncian que a empresa usa explosivos -nalgunha ocasión sinalan que foron usados máis de 250 kg- en dominio público (a propia conca do río, baixo o amparo da Confederación Hidrográfica do Norte), a escasos metros de núcleos poboados, e sen a preceptiva autorización (non poden tela, indican, canto que a propia actividade extractiva non conta con licenza municipal e é ilegal).

Dende o borde do buraco construído pola explotación dificilmente se adiviña o río que tempo atrás regaba o souto de Santa Eufemia. O Laruda, tamén coñecido como Redomás, é un fío de auga que se estanca nun charco enfermizo e desaparece baixo da entulleira. "O río Redomás -apunta a Confederación Hidrográfica no proxecto de rexeneración do río- está invadido tanto polo banco de explotación de lousa actual como pola entulleira de estériles augas abaixo de dito banco, xerando unha gran contaminación das augas pola elevada concentración de sólidos en suspensión". Porén, o mencionado proxecto, no canto de procurar a recuperación da canle antiga, segundo denuncia SOS Courel, prevía un transvase cara a outro río, o Redeirexa, en consonancia cos intereses da canteira, que se vería así libre das molestas augas fluviais.

A empresa, segundo denuncian as organizacións ecoloxistas, foi sancionada pola Confederación Hidrográfica do Norte e desobedeceu repetidas veces as resolucións do organismo que ordenaban a recuperación do Laruda. "Agás as augas de refrixeración a maquinaria de procesado, o resto verte ao río directamente, sen decantación nin depuración previa", expón SOS Courel na denuncia que presentou en 2005 ante a Comisión das Comunidades Europeas. A existencia de filóns de antimonio nas proximidades da explotación supón un risco de contaminación grave do Laruda que, ademais, é afluente do Lor, río incluído no LIC Ancares-Caurel. É así como, aínda que a canteira foi no seu momento excluída aposta da Rede Natura, a contaminación que xera séguea afectando de igual modo.

Porén, tanto a proximidade ao espazo da Rede Natura como a afección ao propio río Redomás son obviadas na Declaración de Impacto Ambiental que a Xunta de Galicia emitiu en 2004, e na que se baseou a Comisión Superior de Urbanismo para a autorización da canteira hai unhas semanas. Unha declaración que, por outra banda, non afecta a todo o espazo da canteira (máis de 50 hectáreas), senón só a unha superficie de 17,24 hectáreas que se corresponde cunha ampliación da mesma. Ademais, malia aprobarse en marzo de 2004, meses antes da descualificación desa parte do Courel da Rede Natura, a resolución afirma estar xa excluída da mesma.

Segundo destaca SOS Courel, no estudo de impacto ambiental previo elaborado pola empresa, ademais de eludirse a existencia do río Laruda, pasábase por alto a existencia de minas de antimonio na contorna, a posíbel incidencia do xofre -que forma parte da composición da lousa- na acidificación das augas, o impacto en Hábitats de Interese Prioritarios na zona ou a existencia dun camiño público, que comunicaba os lugares da Campa e Santa Eufemia, e que foi destruído pola canteira (unha sentencia xudicial obriga á empresa a recuperalo, o que é practicamente imposíbel, porque a día de hoxe o camiño discorrería polo baleiro aberto pola explotación). Na actualidade, a empresa está a construír dous túneles para a explotación subterránea que, segundo SOS Courel, non contan tampouco coa pertinente declaración de impacto ambiental e poden afectar gravemente a unha falla de máis de quince quilómetros de percorrido, cos consecuentes riscos de desprendementos e afectación á rede hídrica.

A reportaxe completa, na edición impresa de TEMPOS Novos (nº 123, agosto de 2007)


5/5 (6 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: