Renderse outra vez á chantaxe industrial –emprego a cambio de deterioro ambiental– sitúa de novo a Galicia no sur do Occidente rico. O Courel non é a excepción, senón a norma. Adiantamos os editoriais do número de agosto da revista TEMPOS Novos.
Ao longo dos últimos anos, a Administración foi cómplice dos intereses empresariais, que priorizou aos ambientais, por máis que estes últimos estiven protexidos pola lexislación dunha Europa que semella quedarnos grande. A Rede Natura 2000, mal definida de partida e logo unha e outra vez ninguneada, quedou en papel mollado. Sobre ela asentan parques eólicos, piscifactorías, urbanizacións e infraestruturas diversas, mesmo canteiras que non dubidan en devorar o terreo a pasos axigantados. O goberno do PP non deixou unha herdanza fácil e o novo executivo tenta driblar a situación cunha de cal e outra de area. Paraliza a construción de novas piscifactorías en Rede Natura (entre elas, o mediático Touriñán) pero permite a ampliación dalgunha das xa existentes en espazo protexido. Dálle o visto bo a unha canteira que levaba máis de vinte anos traballando no Courel sen autorización e, acto seguido, anuncia que vetará na medida do posíbel a posta en marcha de novas explotacións. Mais hai situacións nas que é preciso escoller. Non é de recibo que nunha zona coa biodiversidade e a riqueza paisaxística do Courel se acceda á presión do lobby da lousa. Que á beira do futuro parque natural que se proxecta na zona, aniñen as canteiras. Porque a paisaxe e os tesouros naturais tamén son, como non, fonte de riqueza. É preciso dalo a coñecer, porque a esquilma da terra non é a única saída posíbel.
O informe acusador
Que o informe fiscalizador do Consello de Contas se teña convertido para a prensa de máis audiencia nunha telenovela para o arranque do verán, cando en tódolos anteriores a este do 2004 que agora se audita se deran de maneira reiterada as irregularidades de todo tipo que se lle achacan aos sucesivos gobernos de Fraga Iribarne, débese a tres razóns concretas. O principal responsable dese asalto aos principios que deben orientar a xestión dun goberno democrático perdeu o poder de control sobre as institucións; os medios de comunicación romperon coa súa marcha o pacto de silencio, tan millonariamente remunerado, que os mantivo pexados durante todo o seu mandato; as múltiples anomalías que o informe detecta na xestación, execución e xestión da Cidade da Cultura son a carnaza que necesita o principal grupo de comunicación rexional para alimentar a súa obsesiva campaña contra o proxecto, do que dixera en 2001 e a toda páxina que ía ser a "icona da Galicia do século XXI". Alén da telenovela, a gravidade dos datos esixe que Fraga Iribarne, como responsable máximo por acción ou omisión, e os conselleiros do seu goberno con competencia nas áreas de xestión máis violadas dean conta, en sede parlamentaria e no seu caso en sede xudicial, da súa irresponsable e indigna actuación.
Ofrenda sen sentido
Hai que utilizar un fórceps moi especial para encadrar a Ofrenda ao Apóstolo na lóxica constitucional. Nin sequera entra na lóxica democrática, á que se debe toda acción política. Responde unicamente a unha tradición imposta nun tempo en que todo estaba baixo o poder absoluto do rei. Esa tradición consolidou moitos anos despois no xardín florido da España unitaria, que durante o franquismo asentou pola forza na doutrina do nacionalcatolicismo. Xa que logo, é na España predemocrática, a do baixo palio eclesiástico, na que a Ofrenda de hoxe ten o seu verdadeiro acomodo. Cando a presidenta do Parlamento se postrou de xeonllos ante o representante de Deus na terra, someteu a autoridade que ten por delegación do pobo soberano á daqueloutro poder que a ten por delegación divina. Por riba, pediulle a Deus o milagre de converter a auga que destila o autoodio lingüístico no viño da rexeneración sociocultural, como se a ameaza que pesa sobre o galego fose un castigo divino e non o froito dun secular proceso de doma e castración na terra. Dolores Villarino debería escoitar o que un teólogo de alta estima, Torres Queiruga, deixou dito en TN: "A oración de petición a Deus non ten sentido. Pedíndolle que resolva os nosos problemas, no fondo o que facemos é atribuírlle a Deus a culpa de estalos padecendo". A culpa, señora presidenta, é terreal. A Ofrenda e a petición non teñen sentido.
Editoriais publicados na edición impresa de TEMPOS Novos (nº 123, agosto de 2007)