Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Convocada polo Comité Cidadán de Emerxencia

Camiñada Ferrol-Mugardos a prol da ría o próximo venres 24

"A teima dos poderes públicos en dar por pechado o problema é un erro que atrasará a solución inevitábel do traslado", opinou o escritor Manuel Rivas, quen este sábado visitou os veciños pechados no Concello de Mugardos.

Redacción - 09:30 19/08/2007

Serán 17 quilómetros a pé. A saída: o vindeiro venres 24 ás 16 horas desde o peirao ferrolán. O obxectivo: achegárense até a casa do Concello mugardés, onde para daquela se terá cumprido xa un mes desde que os veciños iniciaran o peche en protesta pola ameaza da planta de gas á beira das súas vivendas. Contra a noite o Comité Cidadán poñerá buses para que os participantes na marcha poidan volver a Ferrol.

Manuel Rivas visita os veciños
Á galería de persoeiros que nos últimos días se achegaron até Mugardos para manifestárenlle o seu apoio aos veciños que manteñen o peche, uniuse este sábado o escritor coruñés Manuel Rivas.

O Rivas referiuse á mobilización contra Reganosa coma "unha causa moi xusta" onde na súa opinión todo o mundo é consciente "do erro e disparate" de permitir a actividade da planta de gas na súa actual localización. En declaracións a Europa Press, Manuel Rivas cualificou de "disparate ecolóxico irracional" a escolla para a gaseira existindo a alternativa do porto exterior. "Non se pode converter a ría nun nicho neocolonial aproveitándose da crise que viviu a zona", sostivo o autor.

Usando o simil da loita de David contra Goliat expuxo o escritor que "David ten a razón" e laiouse de que "os políticos non deben pedir o apoio do pobo para un cambio e despois poñan a orella ante os poderes privados". Ademais, referiuse a tres fases no conflito: "unha primeira de silencio forzado, unha segunda na que se intentou ridiculizar os argumentos populares e agora unha fase nova, na que hai que enfrontarse á realidade". Prognosticou Rivas que "queda outra fase, na que terán que entrar en razón" e darlles a razón aos veciños.


5/5 (7 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: