Malia se converter no terceiro produtor mundial de leite, non consegue satisfacer o mercado, situación que provoca este incremento.
Segundo datos da FAO, a organización da ONU para a Agricultura e a Alimentación, o consumo de leite en China aumentou de 26 quilocalorías por persoa en 2002 a 43 en 2005. Un incremento do consumo que coincide coa crecente promoción do leite no país.
Concretamente, o primeiro ministro, Wen Jiabao, quere que cada persoa reciba un jin (medio quilogramo) por día. Os produtos lácteos están a ser intensamente promocionados en China. Tal é así, que Jiabao asegura que o seu soño "é ofrecerlle a cada chinés, e en especial aos nenos, suficiente leite cada día. Bebe leite e medrarás até seres un robusto atleta", é o lema do goberno.
Este incremento no consumo de produtos lácteos ameaza con forzar un aumento dos prezos en todo o mundo, segundo publica o canal británico BBC. O goberno de China, ademais da planificar un maior consumo, estase a esforzar por aumentar a súa produción leiteira. Recentemente converteuse no terceiro maior produtor mundial, logo dos EUA e a India, no entanto non logra satisfacer a demanda, o que provoca un incremento nos prezos globais.