Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Sete

Edición xestionada por Vieiros
RSS de GZ-Sete
Atentado nun local social de Pontevedra

A Revira acusa a "elementos fascistas da cidade" do ataque deste venres

A Associaçom Cultural A Revira publicou un comunicado este sábado no que se esixe das autoridades municipais a investigación dos feitos e a localización dos culpábeis.

Redacción - 12:45 12/08/2007
Foto dos destrozos provocados polo lume

Foto dos destrozos provocados polo lume

A Associaçom Cultural A Revira, tras o atentado do pasado venres ao seu local social, emitiron un comunicado onde advirten da perigosidade do ataque realizado "mediante un incendio provocado", dada a súa situación -na zona vella da cidade de Pontevedra, onde abundan as casas antigas con interiores de madeira.

"Só un rápido aviso da veciñanza da zona aos bombeiros puido evitar uns danos moito mais graves, tanto dende o punto de vista material como dende o persoal", sinalan.

Respecto ao móbil do atentado, dende A Revira asegura que "a intensa actividade na rúa que ven desenvolvendo nos últimos meses a A.C. Revira provocou as iras de elementos fascistas da cidade, que se ben non é esta a primeira vez que atacan o noso centro social, si o é cunha acción desta envergadura".

Uso dunha faixa coa lenda 'Autodeterminaçom'

Segundo estes, "o dato máis significativo desta aseveración é que un dos elementos que empregaron para provocar o incendio foi unha faixa que estivo pendurada na Praza da Peregrina até só dous días antes coa lenda Autodeterminaçom, e que desapareceu misteriosamente, o que amosa premeditación ben calculada".

Ademais, para A Revira o feito de que a mesma tarde do atentado membros da Plataforma Antitaurina de Pontevedra encheran a cidade con propaganda antitaurina, "debeu acrecentar as iras deste grupo, que se sentirá envalentonado con o fervor nacional que desprenden estas festas tan españolas".

Seguir traballando a prol da Galiza

Por último, dende a asociación se esixe por parte das autoridades municipais a investigación dos feitos e a localización dos culpábeis, algo que segundo estes "resulta sinxelo" dado que na praza hai diversas cámaras de seguridade.

"Queremos agradecer as mostras de solidariedade expresadas por varios colectivos e persoas, aos que queremos manifestar a nosa firme determinación para seguir traballando e organizándonos dende a nosa comarca para contribuír á construción nacional da Galiza, defender e promover a lingua e cultura galegas, o ambiente, os dereitos da muller e difundir valores solidarios e internacionalistas", finalizan o comunicado.


Ligazóns

4,78/5 (18 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: