Comunicado e Convocatoria A Serra do Courel atópase en estado de emerxencia. A causa dunha política cada día máis incomprensíbel por parte da administración galega, unha das contornas naturais máis sobranceiras de toda Europa vese ameazada pola construción de cincuenta novas canteiras que se sumarían así á ducia de pizarreiras xa existentes, ilegais ata o de agora en moitos dos casos ou sen garantías medioambientais, e consolidadas pola administración como feitos consumados. Na Xunta de Galicia néganse a recibir ás asociacións veciñais e culturais que se opoñen a este despropósito proxectado nun territorio declarado Espazo Natural en 1989 e incluído na Rede Natura desde o 2000. A Xunta vén de reducir o Parque Natural previsto a menos dun sétimo do Macizo Montañoso do Courel, deixando o resto do territorio a mercé dos mercaderes que contra un aproveitamento sostíbel da lousa e un auténtico beneficio económico da comunidade courelá pretenden furar a serra para espoliar as vetas de pizarra, caliza e outros materiais destruíndo sen contemplacións o noso patrimonio natural e cultural e envorcando todo o refugallo e o escombro xerado sobre a indiferenza cidadá. Sen dúbida o cambio político vaise encher no Courel de auténtico contido mudándolle a faciana para sempre ao vasto templo reverenciado no seu día por Uxío Novoneyra, como ben lembraba Xosé Manuel Beiras hai pouco tempo nunha serie de artigos sobre a proxectada desfeita.
O escándalo é ainda maior cando dun xeito aparentemente premeditado, a administración está a desmantelar servizos sociais e sanitarios básicos na zona, agudizando, ante a falta de perspectivas de desenvolvemento sostíbel, o deslocamento da comunidade courelá. Por iso desde a sociedade civil, facemos un chamamento en solidariedade coa asociación SOS Courel para participar na súa campaña de defensa da serra cando máis o precisa. Queremos convidar a todos e todas as cidadás a unha xornada festiva de loita que terá lugar o vindeiro 11 de Agosto en Froxán, con diversas actividades artísticas e ecolóxicas e a celebración dunha Ultranoite especialmente dedicada ao SOS Courel, na que diversos e diversas artistas do país pasarán revista en clave cómica retranqueira á situación na que se atopa a Serra perante a cobiza e a comenencia duns poucos e a complicidade doutros tantos. Pois xa que o poder político, baixo calquera das súas aparencias, non parece aprestarse a servir ao ben común e cumprir coas súas obrigas como garante do noso patrimonio natural e cultural, só aos cidadáns e cidadás nos compre erguer defensas e loitar pola súa preservación coas armas que nos son dadas: o humor e a intelixencia.