Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Canal Verde

Xestionado pola Federación Ecoloxista Galega e Vieiros
RSS de Canal Verde
As medidas foron inútiles

O CES calcula en máis de media tonelada os perdigóns caídos na enseada do Bao polo campionato do tiro ao pombiño

Durante a celebración do Campionato de Tiro ao Pombiño, do 6 ao 15 de xullo do 2007, o Colectivo Ecoloxista do Salnés puido constatar como os perdigóns de chumbo empregados durante dito campionato caían constantemente sobre o Humidal Protexido Umia - O Grove.

Colectivo Ecoloxista do Salnés (CES) - 13:02 28/07/2007

 As mallas metálicas, colocadas polos organizadores ao longo do campo de tiro para intentar previr a caída ao mar dos perdigóns, non funcionaron.  As observacións directas que algúns membros do CES realizaron durante o campionato e as perforacións observables a todo o longo da malla metálica demostran a afirmación de que a caída de chumbo á ría foi constante durante tódolos días do Campionato.

O cálculo efectuado polo CES da cantidade de chumbo vertido ao humidal nesta tempada ascendería a máis de media tonelada (525000 kg) calculando que un 35% dos cartuchos de perdigóns lanzados contra os 25000 pombiños foron directamente ao humidal, aínda que seguramente a proporción fose maior. Así estímamos que 17500 tiros foron fora do recinto. En cada cartucho empregado hai, de promedio, 30g de chumbo. Hai que ter en conta tamén para o cálculo que cada tirador ten dous tiros por pombiño.
A esta media tonelada de chumbo súmanselle os milleiros de quilogramos de perdigóns acumulados neste contorno durante as décadas que se leva celebrando esta actividade.

Un ano máis as gretas das rochas e as areas do mar más próximo ao campo de tiro de A Toxa quedaron contaminadas con esta carga de chumbo, que non fai senón danar a saúde do ecosistema e das especies pesqueiras e marisqueiras.

Así queda patente que os organizadores non cumpriron ningunha das condicións impostas pola Consellería de Medio Ambiente para que esta lle concedera a autorización xa que seguiron empregando chumbo e as mallas supostamente protectoras non funcionaron.

O CES reclama á Consellería de Medio Ambiente:
-  Que obrigue aos organizadores do campionato (Hotel Hesperia e Federación Nacional de Tiro al Vuelo) a realizar a limpeza da zona.
-  Que impoña as sancións oportunas ao respecto.
-  Que non se autorice en futuras edicións este campionato, dado o reiterado incumprimento durante anos, por parte dos organizadores deste evento, da lexislación ambiental e das condicións impostas pola Consellería.


5/5 (2 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: