Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Nas Xornadas Internacionais de Corti deste ano

As forzas independentistas corsas presentan un novo proxecto común

Conta co impulso da CNI, principal forza nacionalista do país, e co apoio da organización clandestina FLNC-UC.

Redacción - 12:00 06/08/2007
Antigo cartaz das xornadas

Antigo cartaz das xornadas

O principal movemento nacionalista corso, Corsica Nazione Indipendente (CNI), presentou este domingo xunto coa maior parte das forzas políticas independentistas do país un proxecto político común que pretende ser unha "base de negociación" co Estado francés.

O anuncio deste novo "bloque independentista", que conta co auspicio dunha das principais organizacións clandestinas corsas, FLNC-UC, produciuse no transcurso das Ghjurnate Internaziunale de Corti (o encontro anual do nacionalismo corso na céntrica vila do país) que tiveron lugar a pasada fin de semana.

O proxecto supón a fin da coalición Unita-Naziunale, formada por autonomistas e nacionalistas para concorrer ás eleccións de 2004 malia as súas diverxencias ao respecto da loita armada. Precisamente, este apoio dos independentistas do CNI ás organizacións clandestinas foi a causa da ausencia dos autonomistas do PNC e de A Chjama Naziunale nas xornadas de Corti.

Dereitos das nacións sen Estado

Por outra banda, na primeira das xornadas do encontro anual de Corti, presentouse unha proposta asinada por partidos nacionalistas de toda Europa para solicitarlle á Eurocámara o recoñecemento dos dereitos das nacións históricas sen Estado.

A moción común, apoiada por forzas independentistas e autonomistas, presentarase oficialmente o vindeiro mes de setembro en Bruxelas para "facer valer ante o Parlamento Europeo os nosos dereitos", sinalou o deputado do parlamento de Sardeña Gabinu Sale.

"Hai preto de trinta millóns de cidadáns en Europa que por un problema grave de democracia están privados do seu dereito á autodeterminación", engadiu Sale.


4,92/5 (12 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: