Susana López Abella, deputada do PPdeG, advertiu tamén da alta temporalidade e da "destrución de postos no sector industrial".
A tendencia das estatísticas sobre desemprego, que indican nos últimos meses porcentaxes de redución maiores cá media estatal, foi analizada este xoves pola deputada luguesa do PPdeG Susana López Abella. Na súa opinión a "boa evolución" deberíase unicamente á inercia "herdada" dos anteriores gobernos de Manuel Fraga.
Doutra volta, López Abella repróchalle falta de plans ao goberno actual sobre outras características do mercado laboral galego, coma é o caso da "insuficiente incorporación de poboación activa ao mercado laboral, á destrución de emprego industrial e a anunciada desaceleración da actividade relacionada coa construción residencial". "Non hai que ser triunfalistas", comentou a deputada, citando tamén entre os elementos "negativos" a alta temporalidade e a fuxida dos mozos na procura de empregos. A voceira do PPdeG tamén asegurou que os programas de formación e emprego son os menos ambiciosos de todo o Estado.