O fiscal galego contra incendios observou "semellanzas" entre o incendiario galego e o portugués e apelou a "aprender" dos veciños.
O pirómano galego aseméllase ao portugués
Tras a súa reunión cos seus homólogos portugueses, o fiscal coordinador contra incendios forestais do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), Álvaro García Ortiz, dixo que as persoas detidas relacionadas cos lumes provocados, serán a partir de agora, sometidas a probas psicolóxicas para determinar o "perfil do pirómano galego".
Na súa xuntanza da segunda feira cos portuguesas en Tui, os galegos tamén comezaron a elaborar un cuestionario tipo que han presentar aos detidos; un primeiro paso para determinar o perfil dos incendiarios. Tamén intercambiarán datos da campaña de verán de ámbolos dous países, que segundo destacou García Ortiz, "comeza xa".
Conforme vaian evolucionando as investigacións cos posíbeis detidos deste ano, uniranse a elas expertos universitarios en psicoloxía, como os da facultade de Santiago, entre outras institucións, co obxectivo único de "perseguir, previr e tratar" os pirómanos de Galiza, para poder actuar "de xeito inmediato", tentando que non se volvan queimar as máis de 82.000 hectáreas de monte galego que arderon o ano pasado, nos primeiros quince días de agosto.
Os pirómanos portugueses parécense aos galegos
Segundo a psicóloga portuguesa e participante na reunión, Susana Sueiro, non existe o "pirómano" como tal, xa que, os estudos científicos sobre os lumes provocados realizados no seu país conclúen que as persoas que queiman os montes fano por motivacións como "a vinganza, a busca dun ben particular ou por enfermidades mentais", tal como no caso dos galegos.