A organización ecoloxista quere formar unha pirámide de zapatos como símbolo dos centos de persoas mutiladas que non poden empregar os seus propios.
Greenpeace fai un chamamento a todas as persoas que queiran colaborar simbolicamente coa campaña de desarme 'A vida baixo as bombas' para que envíen zapatos á organización ecoloxista. A pirámide de zapatos que se cree vai percorrer as distintas localidades do Estado, comezando en Madrid, do 11 ao 16 de setembro.
As bombas en acio...
... mutilan a centos de persoas todos os días, en todo o mundo. En moitos casos estas persoas perden as súas pernas.
A pirámide de zapatos que se forme quere, segundo as palabras dos organizadores, "lembrar a toda esa xente que nunca vai volver empregar os seus propios zapatos". Ademais da pirámide, haberá un ciclo de conferencias e outras actividades, como unha exposición fotográfica, un maratón de cinema de zonas de conflito...
3 persoas mutiladas cada día en Colombia
Esta iniciativa deuse a coñecer o mesmo día que saíron datos sobre o número de persoas que morren cada ano en Colombia, vítimas das minas antipersoas: unhas 1000. É unha cifra que converte a Colombia no país sudamericano con maior mortalidade por esta causa: morren tres persoas cada día.
Foi a organización Human Rights Watch (HRW), a que denunciou esta situación, constatando que o número de finados -tanto civís coma militares- por causa das bombas en acio aumentou de menos de 300 en 2001 a máis de 1.100 o pasado ano.
HRW apunta ás FARC como principais irresponsábeis da colocación destas bombas, mais tamén ao Exército de Liberación Nacional e aos Paramilitares. Alí as bombas en acio son chamadas "as armas dos pobres", xa que fabricar unha custa pouco menos de dez euros, e pode facerse unha detrás de outra, sen parada.