Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Propoñen regulamentar por lei o pago

O PPdeG propón que o Parlamento lle impoña límites aos soldos dos rexedores

O elevado salario da alcaldesa do PPdeG en Sanxenxo, a mellor pagada do país, acendera hai semanas a polémica. Agora, os populares están dispostos a reformar o sistema de retribucións.

Redacción - 09:00 24/07/2007

A aprobación de nove adicacións exclusivas, coa alcaldesa Catalina González á fronte, foi portada de Vieiros a comezos de xullo como exemplo do elevado gasto dos Concellos nos pagamentos aos altos cargos municipais. O goberno local de Sanxenxo aprobaba daquela destinar máis de 413 mil euros para estas adicacións exclusivas. A propia rexedora garantía para si mesma o cobro de máis de 56 mil euros limpos anualmente, 14 pagas de 4.008 euros, un soldo bruto que se eleva a 78.400 euros.

Este luns o PPdeG presentou unha iniciativa parlamentaria que sae ao paso do debate xerado por este e outros casos. Os populares propoñen que o Parlamento estabeleza os límites máximos das retribucións dos altos cargos locais. Así, e previo cambio das normas de réxime local que fosen necesarias, anualmente a Lei de Orzamentos Xerais da Xunta fixaría os criterios para os salarios de rexedores e concelleiros. A iniciativa do PPdeG non propón cantidades fixas, senón "límites que non poderían sobrepasarse".

Con todo, durante a presentación da proposta, o presidente do PPdeG, Alberte Núñez Feijoo, evitou referirse aos elevados salarios dos rexedores do seu partido, salientando por outra parte o incremento das partidas orzamentarias para salarios que na súa opinión implican as "novas corporacións municipais froito das coalicións". "Non só se evidencia un incremento do importe dos soldos do alcalde, tenente de alcalde e demáis membros do equipo de goberno, senón tamén o número de dedicacións exclusivas e as retribucións para persoal de confianza e asesores nomeados a dedo por este novos gobernos bipartito", explicou.


5/5 (2 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: