As saídas de vía nas esvaradías estradas foron a principal causa de accidente este domingo. Os sucesos deixaron un falecido e 18 feridos graves.
A última hora deste domingo o balance deixaba xa un motorista falecido, dezaoito persoas feridas graves e once leves. A maioría de sinistros destes días foron saídas de vía, a maioría das veces protagonizadas por condutores novos. Un dos accidentes, no concello lugués de Samos, provocou que dous peregrinos que facían o Camiño de Santiago fosen arrastrados por un vehículo.
O accidente máis grave rexistrouse en Miño na madrugada do sábado para o domingo, cando se saíu da vía a motocicleta na que viaxaban dous mozos, de 30 e 25 anos, o que provocou a morte do primeiro, o condutor, e feridas graves á moza que o acompañaba. A primeiras horas da mañá do domingo rexistrábase outra saída da calzada dun turismo en Ribadeo, cun ferido grave e tres leves e no as que as idades dos cinco ocupantes ían dende os 14 aos 26 anos de idade.
O condutor, H.D.C., de 26 anos de idade e natural de Madrid, saíu ileso, non así o outro madrileño, C.A.R.R., de 21 anos, que resultou ferido de gravidade. Outro terceiro ocupante, J.A.G.R., de 22 anos de idade, está ferido leve, ao igual as outras dúas rapazas que os acompañaban, unha delas menor de idade, E.Y.A.M., de 14 anos e veciña de Ribadeo, municipio ao que pertence a outra moza A.K.A.M., de 18 anos, tamén leve.
Sete accidentes na Coruña
A Coruña foi a provincia que rexistrou maior número de accidentes, un total de sete, con oito feridos graves. Así, noutro dos incidentes tamén se viu implicado unha motocicleta. Aconteceu a tarde do sábado no termo municipal de Castiñeiras no que o condutor, de 30 anos de idade, veciño da Ribeira, resultou ferido grave e foi trasladado a Santiago en helicóptero.
Na cidade da Coruña, a saída da vía dun turismo obrigou á actuación dos bombeiros, que tiveron que liberar os ocupantes do coche, Óscar R.P.F, de 32 anos de idade; César F.B. , de 35 anos e Roberto F.B., de 34, que resultou ferido grave, mentres os outros dous saían leves. No municipio coruñés de Zas o condutor e un dos dous ocupantes dun vehículo resultaron feridos graves, tras saír da calzada e chocar contra unha cuneta e, aínda que puideron volver incorporarse á estrada, volveron de novo a perder o control do coche.
Outros tres accidentes máis rexistráronse na provincia coruñesa. En concreto nos termos municipais de Pobra do Caramiñal, Vimianzo e Bergondo. No de Pobra do Caramiñal resultou ferido grave Francisco Xosé S.R., de 36 anos de idade, tras saír da calzada e chocar contra un poste o vehículo que conducía, á altura do municipio de Pobra do Caramiñal (A Coruña). A última hora da tarde de onte, resultou ferido grave o condutor dunha motocicleta en Bergondo, na altura da peaxe de Guísamo.