Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Haberá un informe a finais de ano

Nace o Observatorio Cultural de Galicia

Este organismo abordará a necesidade dun sistema de análise e avaliación rigoroso, independente e continuado para a cultura galega.

Redacción - 13:10 21/07/2007

O Observatorio integrarase na estrutura do Consello da Cultura, e tentará recadar a información existente sobre a cultura a través dun método rigoroso e estándar de recollida para o desenvolvemento de políticas públicas neste eido.

No proxecto colaboran, ademais da Consellaría de Cultura e Deporte, o Instituto Galego de Estatística (IGE), como o organismo encargado de promover o desenvolvemento estatístico de Galiza, e o Consello da Cultura Galega (CCG), como a máxima institución asesora en materia cultural. O seu presidente, Ramón Villares, adiantou que o primeiro traballo do observatorio será explotar a información estatística preexistente e elaborar un informe 0 do panorama do sector cultural galego. Está previsto que haxa un borrador a finais de ano.

Estes estudos, segundo a conselleira de Cultura, Ánxela Bugallo, permitirán afondar na reflexión sobre política cultural, darlle ás políticas públicas unha maior coherencia e valor dende unha perspectiva multidimensional, e comprender mellor o papel que teñen as industrias culturais en relación ao crecemento económico e á calidade de vida; ademais de identificar os xeitos en que este sector está vencellado a outros sectores da economía como a industria.

Sectores culturais e liñas transversais

O Observatorio Cultural terá unha dobre liña de traballo: por unha banda executará a análise por sectores culturais, para o que se abordarán cuantitativa e cualitativamente aspectos relacionados co patrimonio cultural, cos arquivos e bibliotecas, co libro, coas artes plásticas, coas artes escénicas e musicais, co audiovisual e coa cultura científico-técnica. Este traballo achegaranos unha visión global do número de museos, bibliotecas, bens patrimoniais protexidos, salas de exhibición de teatro e cinema, os seus recursos materiais, técnicos e económicos, os seus fondo, ou indicacións sobre os hábitos de consumo cultural por parte do público.

Por outra banda, estudaríanse unha serie de dimensións transversais: o valor económico da cultura, para trazar un panorama do número de empresas culturais existentes en Galiza, do volume de negocio do sector... O gasto público en cultura realizado polas distintas administracións; o emprego cultural e as súas potencialidades, e as prácticas culturais e hábitos de consumo.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: