Anunciouno este mércores o presidente, Albert Rivera.
Malia producírense "entre 70 e 80" baixas nas últimas semanas, Rivera afirmou que en parte débese a que moitas persoas condicionaron a súa continuidade a cambio dalgúns cargos nos órganos do partido. O presidente de Ciutadans anunciou que o seu Consello Xeral ratificará este venres a decisión do Executivo de concorrer ás eleccións xerais.
Salientou tamén que están a definir o seu programa para os comicios na Conferencia Política que ten previsto celebrar en Madrid en outubro, a primeira congregación de Ciutadans a nivel estatal, onde estarán representadas todas as agrupacións a nivel territorial que se están a constituír.
Mentres, a Secretaría de Acción Política seguirá a manter xuntanzas coas agrupacións sectoriais e outras formacións, e continuará o traballo tamén coa Plataforma Pro, creadora da asociación Basta Ya! Segundo Rivera, Ciutadans botou a andar "a maquinaria para as xerais", e prognostícalle un papel relevante para ser "a terceira" formación con carácter "nacional" do Estado.
Cambios estruturais
Na conferencia de prensa en que estivo acompañado de Maite Noya e Fernando Landecho, membros da Executiva, Rivera salientou a cantidade de afiliacións que está a ter o partido, o nacemento das tres novas delegacións e a súa confianza no crecemento de Ciutadans. Descartou a posibilidade de que Arcadi Espada e Albert Boadella o abandonen, e informou da intención de cambiar as estruturas do mesmo. En setembro inaugurarán unha sede en Madrid, onde se trasladarán varias xuntanzas do Comité Executivo e diversas secretarías e subsecretarías.