O Consello Galego da Inmigración aproba no seu segundo pleno ordinario a súa constitución, ademais do informe sobre o Plan Galego da Inmigración, feito por unha comisión temporal.
Esta comisión terá funcións de observación, estudo e análise dos fenómenos sociais asociados aos movementos migratorios, e competencia para propor liñas de actuación. O Plan Galego da Inmigración, pola súa parte, ten como fin trazar os obxectivos e plans de acción cara á integración social das persoas inmigrantes durante o período 2007-2010.
A participación de todos os axentes implicados e o carácter transversal das actuacións, que abranguen eidos como os de servizos sociais, o sanitario, o educativo, o da vivenda ou o laboral, son as principais pautas que se formulan.
Pola súa banda, o Consello Galego da Inmigración estará constituído por un presidente, un vicepresidente, un secretario e 34 vogais, dos que 16 representarán ás administracións públicas e 18, ás asociacións de inmigrantes, oenegués, universidades, organizacións sindicais, organizacións profesionais agrarias, e organizacións empresariais.