Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
O 26 e 27 de xullo en Ribadeo

Un pouco máis preto de Latinoamérica

Hai un océano entrambas, pero Latinoamérica e Galiza non están tan afastadas. Para demostralo, chegan as XV Xornadas Mar por medio.

Redacción - 18:53 10/07/2007
Mar por medio

Mar por medio

Organízaas a Consellaría de Cultura co título Galiza en Latinoamérica, e foron presentadas polo director xeral de Creación e Difusión Cultural, Luís Bará, e o alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez Barcia. Será esta vila mariñá onde terán lugar debates, mesas redondas e conferencias, onde se achegarán as perspectivas dunha e doutra beira do océano: a profesora da UBA e xornalista Débora Campos, colaboradora de Vieiros, a cineasta e catedrática da USC Margarita Ledo, o escritor Luís Sepúlveda, Ramón Chao, xornalista e membro de ATTAC, ou o escritor Xosé Neira Vilas.

A importancia da rede como espazo de encontro cultural e como ferramenta de acceso e distribución, a activación dos Centros Galegos como focos de difusión cultural, a creación dunha marca para a proxección exterior da cultura galega ou as posibilidades de mercado en Latinoamérica para o sector editorial, a industria musical ou a audiovisual serán algúns dos temas clave, ademais das abordaxes sociopolíticas dos cambios que se están a producir en Venezuela, Bolivia, Ecuador, Brasil, Chile ou Uruguai. Cuba merece especial atención nesta edición: Galiza está convidada á Feira do Libro da Habana para o ano, o evento cultural máis relevante da illa.

A programación

Luís Bará inaugura as xornadas o 26 de xullo: esa tarde, Luís Sepúlveda e Ramón Chao analizarán os cambios sociais nos países da Latinoamérica actual e Xosé Neira Vilas e Débora Campos centraranse nas comunidades galegas doutro lado do Atlántico. O documental Os últimos gaiteiros da Habana de Natasha Vázquez e un concerto do Festival Cameralia pechan a xornada.

As sesións do venres centraranse nos sectores culturais estratéxicos de Galiza: Félix Rodríguez exporá as estratexias para a difusión do libro en Latinoamérica, Antonio Martínez estudará a proxección musical, e Manolo González, Margarita Ledo e Enrique Nicanor disertarán sobre as directrices audiovisuais. O historiador Lourenzo Fernández Prieto analizará a arquitectura indiana, e un novo concerto de Cameralia pechará as xornadas.


Documentos

0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: