Estrea un novo servizo cunha clasificación temática e xeográfica de noticias e a posibilidade para os internautas de enviaren vídeos.
Aínda que lonxe da ambición informativa das webs da televisión catalá, Telenoticies.cat, ou da vasca, EiTB24, a CRTVG dá un pequeno e significativo paso na organización dos seus contidos en internet.
A procura de informacións segundo a súa temática (economía, deporte, cultura...) ou segundo localización xeográfica (dispoñíbeis as sete principais cidades e a comarca da Mariña) é unha das novidades do espazo Agalega.info. Fornécese tamén a función "Envía o teu vídeo", para recibir as propostas audiovisuais dos usuarios da páxina. Desde a CRTVG avanzan que en breve se poderá acceder tamén aos textos das noticias e haberá un espazo similar onde se organicen os contidos máis importantes do día na Radio Galega.
Desde a compañía pública explican que se trata de "gañar posicionamento nunha canle como internet, cun perfil de usuarios diferente á televisión e á radio convencionais, con predominio de usuarios de menor idade". Consideran ademais que internet é o "medio ideal" para contactar novos públicos e "comunicar os profundos cambios na programación que se viñeron producindo ao longo destes dous últimos anos". Por outra parte, destacan que desde o mes de outubro a web da CRTVG vai camiño de duplicar o seu número de visitas, pasando das 17 mil que contaba naquela altura a unha media de 30 mil visitas diarias na actualidade.