Na súa intervención no "Debate do estado da nación", o deputado do BNG tamén criticou as "presións, cautelas e intolerancia" que na súa opinión "frearon o autogoberno das nacións que forman o Estado español".
Rodríguez considerou que desde a súa formación no último ano se desenvolveu unha relación relativamente "construtiva" co goberno español. "Foi evidente a mellora orzamentaria para o ano 2007", sinalou, "especialmente para infraestruturas e para as ferroviarias en concreto". O voceiro nacionalista subliñou que é necesario "manter e mellorar" o ritmo de investimentos para solucionar o "atraso e lentitude" acumulado en Galiza, referíndose por exemplo ás depuradoras de augas residuais pendentes nas cidades. Así, chamou a "planificar, priorizar e comprometer orzamentos ao se debido momento".
O autogoberno freado e as transferencias pendentes
"Foron os intolerantes defensores dun concepto da unidade de España que se fundamenta na desigualdade e na falla de respecto, con recurso á ameaza e ao medo, os que impediron que en Galiza houbese o acordo necesario para tramitar un novo estatuto de nación que significase un avanzo cualitativo no noso autogoberno", laiouse Francisco Rodríguez.
Diante deste escenario, o voceiro do Bloque propuxo que até que haxa "unha oportunidade mellor" para o Estatuto, o goberno español debe ser máis "proclive" a negociar a transferencia de competencias que contribúan a "mellorar a acción política da Xunta". Entre elas referiuse á necesidade dunha policía autonómica con responsabilidades en tráfico, medio ambiente e seguridade cidadá; a conca hidrográfica Miño-Sil; o control do dominio público marítimo-terrestre ou a xestión de salvamento marítimo, entre outras.
Estratexia "hostil" fronte ao sector naval
Rodríguez relatou que a percepción social en Galiza "está moi condicionada por un pasado discriminador de moitos anos". Así, laiouse de que a arela de "producir e vivir do traballo no propio país" vese en Galiza limitado polas cancelas en sectores coma o naval. Nese sentido criticou que o bloqueo da construción civil na vella Astano é exemplo dunha actitude "insensíbel, hostil e irracional". A política de cotas que "afoga o noso sector leiteiro", e a necesidade de colaboración para "restaurar" a base agraria ou para desenvolver unha política forestal "diversificada" ou o impulso do sector enerxético foron outras prioridades destacadas por Francisco Rodríguez.
O deputado galego tamén se queixou de que mentres o executivo español destaca o descenso da taxa de paro "as diferencias sociais aumentan e o emprego precarizado está moi estendido”, cunha riqueza que “está mal distribuída entre clases e territorios”. Sobre este asunto, responsabilizou os sucesivos gobernos de PP e PSOE de acumularen unha significativa caída no poder adquisitivo dos cidadáns.
Contra a intolerancia lingüística
Referíndose aos "inquisidores da españolidade", que na súa opinión presentaron o recurso no Tribunal Constitucional contra o Estatut catalán, Rodríguez lembrou que un dos motivos dese recurso foi o status do idioma e preguntouse "por que custa tanto aceptar que os idiomas propios de Galiza, Cataluña e Euskadi son o galego, o catalán e o vasco?". "É tan difícil de comprender a aspiración a que nos seus respectivos territorios o status sexa o mesmo que teno castelán en Santander, Madrid ou Sevilla?", reflexionou. Como exemplo dos déficits no carácter "plurinacional, plurilingüe y pluricultural" que debera ter o Estado, citou ao respecto da lingua o recente caso da médica que nunha clínica coruñesa "desprezou a unha nai e seu fillo por falárenlle en galego".
Rexeneración parlamentaria
O voceiro do BNG no Congreso destacou como mérito principal do presidente do goberno español nesta lexislatura que non fose "refén dunha cultura política que ensalzara sempre o consenso bipartito e a exclusión das minorías". Na opinión de Francisco Rodríguez, na ducia de anos que o Bloque leva no Congreso "nunca houbo máis debate e máis diálogo", conseguíndose tamén unha "indubidábel rexeneración da vida parlamentaria", aínda que sinalou que "queda moito por mellorar". Así e todo, criticou que "ese respecto polo pluralismo non chegou a outros organismos como é o caso da RTVE ou o Valedor do Pobo".