O conselleiro de Presidencia falou con pesimismo este luns sobre a posíbel volta dos tres grupos parlamentarios ao diálogo sobre o Estatuto.
Citáranse os tres grupos parlamentarios para a volta das eleccións municipais coa intención de recuperar a negociación sobre o Estatuto, pero o ciclo político estabelecido desde aquela non agoira que en breve se poida volver ao diálogo neste asunto.
Ao respecto, o conselleiro de Presidencia, Xosé Luís Méndez Romeu, opinou este luns que "cun calendario no que temos a nove meses vista como moi tarde as eleccións xerais e a dous anos as eleccións autonómicas é difícil que se poida reabrir o debate nesta lexislatura". Méndez Romeu fixo estas declaracións durante a apertura do seminario Os debates sobre o Estado autonómico. A descentralización en España dende diferentes perspectivas, foro organizado pola Escola Galega de Administración Pública (EGAP) en colaboración coa Universidade Internacional Menéndez Pelayo (UIMP).
Romeu tivo gabanzas para o que cualificou de "serio, rico e importante" debate que no seu momento conseguiron despregar as tres formacións políticas con representación parlamentaria. Con todo, laiouse de que as posicións que no seu momento impediron o acordo "non teñen variado até a data". "Mentres non se produza unha situación distinta, que depende máis dese calendario electoral xeral e galego, non é probábel que se volva ás conversas".