O socorrista, Rock en galego e A mala herba, últimas incorporacións ao concurso.
Xa entrada a estación estival, o concurso A Polo Ghit, convocado por Vieiros e a Radio Galega, conta con 18 temas candidatos a canción do verán. As tres últimas incorporacións son para todos os gustos. Por unha banda, temos os ritmos georgiedanneiros de Don Perrako e as súas inseparábeis Cuscús, cunha homenaxe a esa figura tan imprescindíbel nas praias con bandeira azul: O socorrista.
Máis clásicos son The Cads, que ofrecen unha revisión (a tendencia deste ano, sen dúbida) do Johnny B. Goode de Chuck Berry agora titulado Rock en galego. E tampouco poden faltar os sons festeiros da Matraca Perversa, que queren converter un himno á Mala herba na canción deste verán. Quen gañará? Aínda falta case un mes para seguir recibindo propostas... e votando. Até o 21 de xullo!