A lexislación vixente impide que o actual presidente goberne durante un terceiro mandato.
Lula da Silva conta co apoio do electorado
Segundo unha sondaxe encargada polo Partido da Social Democracia Brasileira (PSDB), na oposición, de se poder presentar o presidente do goberno do Brasil, Luiz Inácio Lula da Silva volvería saír reelixido para un terceiro mandato, cun 56% do apoio das 3.500 persoas consultadas de todo o país. Porén, a lexislación actual impide esta posibilidade.
A información da que se fai eco o xornalista brasileiro da Folha de São Paulo Josias de Souza, a dirección do PSDB mantén os resultados ocultos polo de agora namentres non "dixire os datos". A enquisa está composta de 65 preguntas, elaboradas polo sociólogo Antonio Lavareda e polo deputado do PSDB Gustavo Fruet.
Programas sociais, o máis valorado
Ademais, a sondaxe pon de manifesto que malia os casos de corrupción, o Partido dos Trabalhadores (PT) volvería ser a forza máis valorada polos electores, por diante do Partido do Movimento Democrático Brasileiro (PMDB), que ficaría en segundo lugar, e do PSDB, no terceiro.
O presidente Lula da Silva obtivo unha taxa de aprobación que supera en máis de vinte puntos porcentuais á de desaprobación. Ademais, de acordo co resultado da enquisa, os programas sociais do goberno son os mellor valorados polos electores.