Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Deportiva

Xestionado por Vieiros
RSS de GZ-Deportiva
Miguel Anxo Piñeiro, árbitro da Segunda Rexional

Cando vestir de negro tamén é unha vocación perigosa

O Senado vén aprobar a Lei contra a Violencia no Deporte e Vieiros falou cun árbitro do fútbol modesto.

A. Rodríguez - 12:21 24/06/2007

Nos campos de fútbol de 2ª e de 3ª Rexional, as liortas e os paus son máis habituais do que deberan, "sobre todo se se xogan algo", di Miguel Anxo Piñeiro Rial, mentres fala con Vieiros de cómo ve el a aprobación desta nova Lei contra a Violencia no Deporte. O seu punto de vista é de considerar: Piñeiro Rial pertence a un dos colectivos que máis sofren nos campos, nas canchas, nas pistas... os árbitros.

"Onde se dan máis paus é sobre todo en 3ª e en 2ª Rexional..."
"Pero tamén os hai en infantís. Nos partidos dos cativos os que máis se alporizan, aínda que pareza incríbel, son os pais", comeza a contar Miguel Ánxel Piñeiro, mentres fala con Vieiros, ao tempo que toma algo nun bar. Acaba de saír de traballar nunha empresa de limpeza onde bota toda a semana; a fin de semana dedícalla enteira ao fútbol: "Eu fago isto por afección. Fas exercicio... ás veces corres un pouco máis da conta", di, con retranca, referíndose ás veces que ten que fuxir, ás carreiras, dos xogadores.

Piñeiro Rial, como é coñecido nos terreos de xogo, controla só os partidos de 2ª Rexional na comarca de Compostela "Por un lado chego a Noia, Ribeira... e polo outro até Lalín. E de toda esta zona os máis perigosos son os xogadores do Dubra e os do Lamela. Con eses dous equipos foi cos que máis problemas tiven. Cando eles están a xogar 'algo', é cando máis tolean, e nós temos que ter moitísimo coidado".

Hai só dous partidos que lembra aínda, porque foi nos que apandou; un d'O Pino contra Portomouro e outro do consabido Lamela contra os d'A Baña: "A xente non está dacordo coas nosas decisións, e moitas veces levamos nós as culpas de todo". Mais tamén hai equipos aos que lles dá por enlearse entre eles, e non tocan o árbitro. "Por un lado veñen contra nós os xogadores, e polo outro os afeccionados... aínda que eses dinche cousas que che entran por un oído e sáenche polo outro, ou deberan".

A violencia contra as mulleres, a peor tamén no deporte
Cando lle preguntamos se é maior a violencia contra as árbitras, contesta que no seu colexio non hai ningunha muller "Somos sesenta homes. Tiñamos unha muller, pero agora xa é internacional, está noutro nivel. Mais teño coñecemento doutros colexios onde hai mulleres e, a verdade, son peor tratadas que os homes no campo, e non polos xogadores, senón pola afección".

"O que falta nos campos é algo de seguridade, e os delegados dos equipos moitas veces non saben cáles son as súas responsabilidades e obrigas. Se che raian o coche, é responsabilidade deles. E ráiano moitas veces, ou pinchan as rodas, sobre todo nas aldeas, que parece que lles vai a vida os domingos no campo".

Piñeiro Rial sabe tamén dunha chea de liortas ás saídas e ás entradas dos partidos, pero de ningunha desas de botar pedras aos autocares, porque na súa categoría vanlle todos xogar en coche "se veñen en coche...". E cos adestradores? como vai a cousa? "Pois teño tido as miñas palabriñas con algún, pero cando acaba o partido, morreu o conto".

"Aínda que houbera menos non pasaba nada"
Á pregunta chave, consideras que hai moita violencia nos campos galegos?, Piñeiro Rial contesta: "Hai dabondo, aínda que houbera menos non pasaba nada". "Creo que o peor de todo é a pouca consideración que nos ten a Federación, porque os clubes van alí, chorarlle un pouquiño a 'Quico', e el quítalles as sancións. Se a Federación atallase con multas a violencia nos campos de fútbol, non habería tanta. Son eles os que teñen unha parte grande de culpa, e non se preocupan de nada".

Piñeiro Rial termina queixándose da Federación "Se suspendes un partido, suspéndelo e punto, e falo constar na acta. Tamén as sancións, e non pode ser que nos pasen así por riba dende un organismo que nos tiña que apoiar e non pisar".


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



A violencia no terreo de xogo trasládase, por veces, ás bancadas
A violencia no terreo de xogo trasládase, por veces, ás bancadas
O xogo suxo entre deportistas é outra forma de violencia
O xogo suxo entre deportistas é outra forma de violencia