Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
Un libro gastronómico galego, o mellor do mundo no 2006

Premio Gourmand para as delicias con ortigas

O que dan en chamar "Óscar" da gastronomía mundial recaeu este ano na innovadora proposta do chef ourensán Martín Álvarez, un receitario que rescata do prexuízo e a mala sona esta herba, que tamén pode ser saborosa.

Redacción - 13:29 19/06/2007
O cociñeiro Martín Álvarez

O cociñeiro Martín Álvarez

O chef e profesor da Escola de Hostalaría de Vilamarín (Ourense), Martín Álvarez, gañou a medalla de honra Gourmand ao mellor monográfico gastronómico publicado no mundo no 2006, co libro 45 receitas con ortigas, editado na colección "A lume lento", de Alvarellos, e xa pola segunda edición.

Dende o colectivo ourensán Estrugas amosan o seu orgullo, por conseguiren popularizar no mundo a ortiga galega como ingrediente culinario. O colectivo valora este resultado como unha achega de Galiza á gastronomía mundial, e salientan as potencialidades deste recurso (as ortigas) como materia prima da industria agroalimentaria, fitosanitaria, homeopática, téxtil, cosmética...

De feito, o día que Martín Álvarez leu "unha mala herba é unha planta á que non se lle atoparon aínda as virtudes", entroulle a curiosidade. Lembrando que a súa nai empregaba as ortigas para facer ungüentos, comezou a investigar: descubriu a dimensión medicinal da urtica dioica e o seu valor nutricional. Afirma que a textura é delicada e tenra ao mastigar, que ten un aroma refrescante e mentolado e un gusto moi persoal. Seca ou fervida, en ensaladas, en primeiros e segundos pratos, en sobremesas e licores, purés, cremas, revoltos e tortillas, en pratos de caza, en pratos con base de pan, como pizzas e empanadas, acompañando carnes e peixes... Agora poderemos experimentar con esta herba: abonda con pór unhas boas luvas para recollela e inspirármonos nas receitas de Álvarez para probar o seu sabor.


5/5 (4 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: