Esta situación poderíase reproducir tamén nas deputacións.
As corporacións locais de Manzaneda (Terra de Trives), A Arnoia e Castrelo de Miño (O Ribeiro), Palas de Rei (A Ulloa) e Santa Comba (Xallas) deberán adiar a súa constitución oficial, xa que están á espera de que se resolvan varios recursos contencioso-administrativos presentados polas distintas formacións políticas ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG).
Esta situación podería provocar tamén o adiamento na constitución das deputacións de Lugo, Ourense e A Coruña, á espera do que decida o TSXG. O prazo de constitución dos órganos provinciais vai do 27 de xuño até o 7 de xullo, mais nestes casos, os recursos electorais presentados poderían atrasar a súa constitución, aínda que en ningún dos casos suporía cambios na repartición dos deputados obtidos tras as municipais.
Dobre xurisprudencia
O TSXG ten de prazo até o 3 de xullo para se pronunciar sobre se se aplica a doutrina legal que di de que os deputados provinciais non se proclamarán até que estean todos os concellos constituídos, ou se atende a resolución do 12 de abril da Xunta Electoral Central que ordena a constitución das deputacións aínda que existan recursos, e que logo se realicen os cambios oportunos sobre o ente xa constituído.