A Facultade de Ciencias da Comunicación acollerá este verán unhas xornadas e obradoiros sobre os principios da comunicación.
A profesora Antía López Rodríguez dirixe este curso de verán, validábel por 2 créditos de libre configuración. A matrícula pode realizarse en liña dende o 21 de maio, e dende este 13 de xuño até o 6 de xullo, tamén presencial. Aquí podemos consultar o programa. O prezo da matrícula é de 120 €, ou 70 na taxa reducida (para o alumnado universitario, persoas desempregadas, e profesorado e PAS da USC).
O curso, presentado este mércores 13 na sede do Club Internacional de Prensa, está organizado pola propia Facultade e a Vicerreitoría de Cultura da USC, e conta coa colaboración da Secretaría Xeral de Comunicación da Xunta de Galicia, a CRTVG, a Deputación da Coruña e a Fundación Caixa Galicia.
Como explicou o secretario xeral de Comunicación, Fernando Salgado, estase a rexistrar un cambio na produción mediática, motivada en parte pola eclosión de novos formatos, xéneros e estilos. "Esta produción mediática caracterízase polo seu exceso, que acaba desinformando por saturación, se lembramos a Baudrillard e a "éxtase da comunicación"; e, sen segundo lugar, pola transparencia, unha das columnas vertebrais da nova arquitectura mediática, que busca a verosimilitude, conferirlle autenticidade ao texto".
"A transparencia non é un ollo desbocado detrás dun asexadoiro"
Para Antía López, directora do curso, a cuestión da transparencia informativa pode ser abordada dende dúas perspectivas: como un deber na comunicación mediática contemporánea, e como unha demanda cidadá. "Cómpre abordala contra a desviación do principio: tense convertido nun risco estilístico, formal, informativo e programático. Ofréceselle unha verosimilitude ao espectador, por medio de formatos de transparencia. Isto é un síntoma cultural: o estatuto de público corresponde con agardar unha serie de estímulos. É como un reclamo: ofrecer máis e mellor, e no extremo, "velo todo". Pero a tarefa mediática é facermos comprensíbel o opaco, non sermos un ollo desbocado detrás dun asexadoiro. O rexoubeo é especulativo, non informativo nin representacional".
Para rematar, o director de Relacións Externas e Comunicación da CRTVG, Pastor Lorenzo Sola, engadiu: "vivimos na sociedade da persuasión, e é totalmente oportuno afondar nos principios de transparencia, verosimilitude e autenticidade". Antía López engadiu algunhas cuestións sobre o enmascaramento dos discursos para disfrazalos de transparencia, aludindo a formatos como o do reality show, e á libre circulación de información na rede, e a semellanza coa circulación liberal do capitalismo: "ás veces esquecemos que se crea sentido onde se selecciona, non onde todas as posibilidades están diante".