Colle o lapis coa súa pequena man, con dificultade, case non consegue manter o ángulo suficiente e axeitado para que unha mancha negra comece a deslizarse sobre o papel en branco. O trazo irregular, por momentos o papel semella ir rachar. A outra pequena man suxeita con forza á parte superior do folio, a cabeza pegada coa mesa, sabe que iso non se pode facer. Levanta a cabeza, mira para o papel, busca a aprobación da mestra. A súa primeira letra escrita, fai pouco que consegue recoñecelas, aínda se trabuca. Un artigo de Carme Adán.
Non é quen de imaxinar cantas veces na súa vida volverá coller un lapis, depositará a mina sobre a superficie plana e procurará o ángulo máis axeitado, arredor de sesenta graos, para encher de frases cadernos pequenos e cadernos grandes. Non sabe aínda o que tal escribirá, non sabe que coas letras poñerá no papel os nomes da realidade. Describirá o mundo que a rodea, as formas, as cores, os amigos, os amores. Transformará con certeiros movementos da man os golpes de voz cos que se comunicará.
Golpes de voz que silenciosamente resoarán na cabeza en forma de pensamento. Fará da lingua pensamento, do pensamento realidade e da realidade lingua. Quizais non chegue a lembrar en que momento comezaron as palabras, o pensamento ou as cousas que a rodean, mais de certo que non saberá diferencialas. Incluso non as diferenciará dela mesma, que será unha coas súas verbas, os seus pensamentos e a realidade que nomee e pense.
Nin tan sequera se imaxina que de todos os legados que recibiu e recibirá talvez ese sexa o principal. O que lle vai permitir pensar e pensarse, o que lle vai permitir comunicarse e, o máis importante, o que lle permitirá realizarse como ser humano facéndose membro dunha cultura.
Aquí hai moito que mellorar, pensa a mestra cando revisa o traballo. A nena colle outro folio, vai debuxar outra letra.
Aínda nos queda moito por mellorar para conseguir que cada vez que unha man comeza a escribir as súas primeiras letras estas sexan en galego. As Galescolas son un paso firme nese sentido. Son o recoñecemento da importancia da lingua non como un engadido na nosa vida, senón como o motor do noso pensamento e relación co mundo.
Que a man que comeza a escribir arestora nalgunha das aulas do noso país chegue a difundir a universalidade das nosas letras galegas no futuro depende tanto dun ensino de calidade que contempla a igualdade de oportunidades e trato en todas as dimensións deste termo como da vontade dun pobo que se recoñece na súa lingua.
Artigo publicado na edición impresa de TEMPOS Novos (nº 120, maio de 2007)